top of page

Mañá arranca a 44ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia de Silleda

En total serán máis 200 actividades distintas, as cales conformarán un programa para todos os públicos que se prolongará ata o domingo


Laura Moure/Silleda

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, en Silleda, abre mañá as portas da súa 44ª edición, unha cita que será inaugurada polo Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, ás 13.00 horas e que se prolongará ata o domingo. Tras celebrar unha edición especial en setembro do ano pasado co obxectivo de contribuír á reactivación económica, este gran certame mutisectorial recupera as cifras e o atractivo que a caracterizan, e que a converteron nunha cita de referencia. Así, os seus salóns de alimentación e turismo alcanzan nesta cita récords tanto no número de expositores como en superficie.


En canto ao Salón de Alimentación do Atlántico ( Salimat Abanca), conta cun 9,3% máis de expositores e case un 1% máis espazo que na súa maior edición, a de 2019, mentres que en Turexpo Galicia os expositores aumentan un 9% e a superficie un 23,4% respecto a a súa mellor cita, tamén a de 2019. En canto ás cifras totais do certame, estarán presentes 693 expositores directos de 9 países, aos que se suman 267 firmas representadas, as cales xunto ás empresas presentes directamente proceden de 24 países. Estes expositores ocupan 15.916 metros cadrados netos, que sumados aos ocupados polas actividades ascende a 75.559 metros cadrados. Unha superficie na que se inclúe unha gran carpa de 2.000 metros cadrados que o certame tivo que instalar de forma anexa ao pavillón 2 para responder á alta demanda das empresas deste espazo, tal e como xa o fixo en 2019.

A feira destacará unha vez máis pola súa diversidade, xa que ademais dos certames paralelos, centrados en alimentación, turismo, caza, pesca e natureza, contará con numerosos sectores que van desde gandería, bioenerxía e pequena maquinaria ata mobiliario e artesanía, ademais de moitos outros produtos e servizos. Un atractivo que se traslada tamén ao seu amplo programa de actividades, entre as que haberá tanto propostas para profesionais como para público xeral.


Nesta edición o público poderá acceder de forma gratuíta por duodécimo ano consecutivo. Só abonarase o aparcamento, cun módico prezo de tres euros destinado un ano máis a incrementar a calidade do programa de actividades.


Certames paralelos e 200 actividades

O salón de alimentación Salimat Abanca será un ano máis un importante espazo de negocio no que cada vez teñen máis presencia as institucións públicas doutras comunidades. Os seus Encontros Internacionais de Compradores, organizados co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), permitirán ás empresas reunirse con 28 importadores e distribuidores de 17 países. A súa área Alinova incluirá 80 innovacións, mentres que no seu programa haberá numerosas catas, masterclass e showcookings con televisivos chefs como Xoanqui Ameixeiras ou Iván Mariñas, finalista de Masterchef 8.

Tamén incluirá talleres, o segundo concurso de tortilla española ou o Encontro Gastroblogger.


Turexpo Galicia e Festur, que se celebran co respaldo da Axencia Turismo de Galicia, contarán coa presenza de empresas e entidades do sector turístico, entre os que destacan as novas participacións con Xordania como país invitado, e tamén 34 concellos que promocionarán 44 festas galegas de interese turístico. Na súa vertente profesional inclúese o V Encontro de Bloggers de Turismo e destacará a Bolsa de Contratación Turística, con 35 operadores turísticos de 11 países.

En canto a Fecap Abanca, que conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ofrece de novo un interesante programa, co I Concurso Monográfico do Club Español do Grifón Nivernés, a II Presentación de Cans de Caza ou exhibicións de cetrería. A Dirección Xeral organizará diversas actividades relacionadas coa natureza. As actividades caninas e ecuestres volven ser outro dos atractivos do programa desta edición, podendo gozar no caso das primeiras con propostas como a IX Proba da liga Autonómica de Agility e tamén a II Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia desta modalidade, propostas do Can de Palleiro, o Concurso Nacional Cairo de beleza ou unha exhibición da Unidade Cinológica do Terzo Norte de Infantería de Mariña.


Nas ecuestres destacará o VIII Galician Championship E. C.A. H.Ou Internacional C de cabalos árabes, que será o único morfolóxico con categoría internacional que se celebra este ano en España, o taller sobre Coidado e herraje do pé do cabalo ou o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega.


Na área de gandería destacarán as razas autóctonas de Galicia, con exposicións tanto de Rubia Galega e de Galiña Piñeira como das razas en perigo de extinción, realizando estas últimas os seus concursos morfolóxicos e tamén o II Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta. Así mesmo, poderanse ver impresionantes bueyes das razas Minhota, Barroça e Maronesa e unha exhibición de tiro con carro tradicional galego, ademais de poder asistir a conferencias centradas na avespa velutina, as razas autóctonas e o sector porcino.


O programa completarase con outras propostas lúdicas de gran de interese, como shows de trial a cargo de dous pilotos con récords Guinness; unha exposición de dinosauros animatronics, a VII Carreira Popular, o III Open de Xadrez, realización de esculturas con motoserra ou unha experiencia virtual inmersiva nunha granxa.


En total serán máis 200 actividades distintas, as cales conformarán un programa para todos os públicos.

Toda a información e horarios das actividades no seguinte enlace:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page