top of page

O SLG solicítalle a Medio Rural a convocatoria inmediata do Consello Agrario

hace 15 horas
5 min de lectura

Destaca que é necesaria ante a crise sistématica que atravesa o sector (seca, custos de produción, prezos baixos no leite, carne e uva..., enfermidades, pragas, incerteza na PAC)


Ecos da Comarca/Xeral

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) esíxelle á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata do Consello Agrario Galego co fin de buscar solucións ante a crise estrutural que vive o sector agrario. Denuncia, ademais, "o colapso absoluto da Consellería do Medio Rural" que, “mentres o sector afunde por mor do aumento dos custos de produción, baixos prezos, enfermidades, pragas etc, a CMR non se sabe onde está, nin que está a facer en temas tan importantes como a próxima PAC, Lei da Cadea....a parálise é total”, denuncia o Secretario de Acción Sindical do SLG, o apicultor Brais Álvarez.


O SLG solicitou hai un mes a convocatoria do grupo de traballo da próxima Política Agraria Común (PAC), creado dentro do Consello Agrario, e que leva sen reunirse dende o pasado mes de febreiro. “Estase a decidir o futuro da próxima década en Bruxelas e descoñecemos as actuacións do goberno galego”, sinala Álvarez. “Lembrámoslle á Consellería que en febreiro acordamos traballar nunha fronte común para defender os intereses das gandeiras galegas en Bruxelas, e o que está demostrando a CMR, unha vez máis, é que ten poucas ganas de gobernar, soamente pensa en sacar a foto de cara á difusión pública”.

Silencio absoluto

O Sindicato Labrego leva meses interpelando á Consellería do Medio Rural con infinidade de temas sen que esta dea ningún tipo de resposta. “O colapso da CMR ante esta crise é total, demostran non saber que facer, nos últimos meses pedíuselles convocar as mesas do leite e da carne para avanzar no estudo dos custos de produción e fixar prezos de referencia, o mesmo co prezo da uva e a crise en DO como Rías Baixas, crear unha mesa de traballo sobre o cambio climático, fauna salvaxe, pragas, suba dos insumos e do gasóleo sen en que ningún caso houbese unha resposta pola súa banda nin se actuase ao respecto”, alerta o apicultor.


Polo tanto, o SLG neste comunicado quere denunciar "a incompetencia absoluta da CMR e a falta total de calquera traballo co sector", resaltando que o pasado venres na Comisión do Medio Rural na que compareceu o Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros, as representantes do SLG e doutras asociacións apícolas, tiveron que escoitar da súa boca como "8 días despois de rexistrar un manifesto pola apicultura do noso país diante da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral competente non sabía da súa existencia". “Isto é o exemplo máis claro do desmantelamento que está a ter a CMR e o pouco que lle interesamos ao goberno da Xunta de Galicia”, advirte Álvarez.


"Por todo iso, dende o SLG esiximos que con carácter inmediato se convoque o Consello Agrario e que neste se tomen medidas de carácter excepcional “que axuden a sacar o sector da UVI que é onde esta actualmente”, afirma o Secretario de Acción Sindical do SLG.


O sector afoga

A Consellería do Medio Rural “é incapaz tan sequera de gastar o presuposto asignado, un presuposto que só supón 4,3 € dos 100€ que gasta a Xunta de Galicia”. "Ano a ano vemos como parte dos fondos non se gastan ou son asignados a outras Consellerías e, neste momento de crise do sector, esiximos, ao mesmo que ao Ministerio de Agricultura, que a Consellería do Medio Rural cre os mecanismos necesarios de diálogo civil a través do Consello Agrario para, de xeito permanente, traballar nunha mesa do sector que permita adaptarse á nova realidade".


“A forma de producir alimentos está cambiando, queiran velo ou non estamos nunha crise estrutural do modelo de produción agroindustrial de alimentos, o cambio climático e a suba dos custos de produción levan ao modelo actual á ruína e ao peche de granxas, e o momento de actuar xa e lexislar cara a un modelo agroecolóxico e máis resiliente ao contexto xeopolítico e ás crises climáticas”, afirma Brais Álvarez.


Nese senso, o SLG volve insistir na "cegueira total da CMR e tamén do Ministerio que se negan a ver o colapso do sistema actual sen actuar de forma contundente". “Esta falta de contundencia e negación do problema sistémico o único que vai provocar é a desaparición de gran parte do sector primario”, avisa o apicultor.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ante esta crise actual e o inmobilismo da administración, o SLG non vai ficar de brazos cruzados e, de non cumprirse con estas demandas, iniciará mobilizacións para que as labregas e os labregos de Galiza sexan escoitadas.


Reivindicacións a curto prazo

No carácter inmediato, o SLG pide tanto ao Ministerio como á Consellería medidas que axuden a seguir producindo e non leven ao colapso económico do sector. Ademais, a organización recorda que o PP de Galicia, que goberna na CMR, ten facultades para tomar medidas e axudas que contribúan a salvar o sector e que non se limiten soamente a facer a foto como este domingo e anunciar que van presionar en Madrid. “Non será por competencias en gandaría e agricultura que teñen as CCAA, esa foto demostra non van facer nada e só lles importa chegar ao goberno de Madrid ao prezo que sexa, aínda que sexa matándonos de fame”, recoñece Álvarez.


Entre as medidas reivindican:

Ao Ministerio de Agricultura,

1- Prórroga inmediata da axuda do gasóleo agrícola e da fiscalidade mínima do Imposto sobre Hidrocarburos (IEH), polo menos até o 31 de decembro, coincidindo coa vixencia do marco de METSAF, como xa fixeron Portugal.

2- Elevación ou eliminación do tope dos 0,20 cnt de xeito que o 70% que permite o marco europeo se aplique efectivamente sobre o diferencial real do prezo: 33,3 cnt . Para a aplicación desta axuda, solicitan que o Ministerio busque a maneira de facer unha aplicación directa de xeito que non se teña que agardar á devolución posterior.

3- Reimplantación do tipo reducido do 10% do IVE nos carburantes.

4- Publicación por parte da CNMC do informe de marxes brutos da distribución con desagregación provincial, no exercicio das facultades reforzadas polo RDL 18/2026.

5- Índice corrector para o sector apícola con redución do valor mínimo do módulo aplicábel e inclusión do gasóleo A usado nas granxas e que ao non ser agrícola non teñen acceso.

6- Índices correctores no IRPF por consumos enerxéticos tanto en estimación obxectiva como directa.

7- Inclusión dos pastos permanentes na axuda aos fertilizantes e axilidade na publicación dos listados.


Ao Ministerio de Transición Ecolóxica,

1- Creación dunha axuda directa para mitigar a dependencia das granxas dos combustíbeis fósiles, o uso de derivados dos mesmos e o uso de fertilizantes. Inclusión de liñas que permitan adaptar as granxas para reducir o consumo enerxético camiñar cara a o uso de enerxías máis limpas e diminuír o uso de combustíbeis fósiles.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Á Consellería do Medio Rural:

1- Na asignación ás CC.AA da axuda de 50.174.300€ que corresponde ao Estado español da Reserva Agrícola de crise da PAC, para compensar o encarecemento dos fertilizantes e a enerxía provocado pola crise de Oriente Próximo. Piden á CMR que procedan a incrementar esta cantidade até o máximo permitido (200%) para atender a situación de sobrecustos dos profesionais do sector.

2- Creación dun grupo permanente de traballo que afonde no estudo e na proposta de medidas para contribuír a desintensificación das granxas e, polo tanto, da súa dependencia de insumos derivados de combustíbeis fósiles e adaptación ao cambio climático.

3- Creación dunha liña específica dunha axuda directa para mitigar a dependencia das granxas dos combustíbeis fósiles, o uso de derivados dos mesmos e o uso de fertilizantes. Inclusión de liñas que permitan adaptar as granxas para reducir o consumo enerxético e camiñar cara ao uso de enerxías máis limpas e diminuír o uso de combustíbeis fósiles.

4- Convocatoria inmediata do Consello Agrario Galego e do grupo de traballo da PAC.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page