A Xunta tramita o proxecto dunha granxa de 365.500 galiñas poñedoras en Agolada
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental
Ecos da Comarca/Agolada
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a instalación dunha explotación avícola de galiñas poñedoras en Leira Nova, no concello de Agolada.
O proxecto, promovido pola empresa Proteínas y Cereales de Galicia, S.L., contempla unha capacidade de 365.496 galiñas poñedoras, que estarán aloxadas en aviarios distribuídos en catro naves.

Segundo a documentación publicada pola Xunta, as instalacións proxectadas incluirán tamén un centro de clasificación e envasado de ovos, unha nave destinada a usos varios, unha edificación para instalacións fotovoltaicas e unha esterqueira con fosa de lixiviados.
No relativo á xestión das augas residuais, as procedentes da limpeza das naves e dos aseos e vestiarios, así como os lixiviados da esterqueira, serán canalizadas cara a depósitos estancos para a súa posterior xestión por parte dun xestor autorizado. Pola súa banda, as augas pluviais serán vertidas directamente ao terreo.
PUBLICIDADE
O proxecto tamén establece que o esterco xerado pola explotación será recollido por un xestor autorizado.
30 días hábiles para presentar alegacións
A Xunta abriu un prazo de 30 días hábiles, contados desde o día seguinte á publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, é dicir dende hoxe, 29 setembro 2026, para que as persoas interesadas poidan consultar a documentación e presentar, se o consideran oportuno, alegacións, suxestións ou observacións.
PUBLICIDADE
A documentación pode consultarse nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, en Santiago de Compostela, así como a través da páxina web da Consellería.
O expediente correspondente a esta actuación é o 2026-IPPC-I-32 e a actividade está incluída na categoría relativa ás instalacións gandeiras dedicadas á cría intensiva de aves para a produción de ovos, carne ou reprodución. (Anuncio DOGA: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260928/AnuncioG0760-010926-0006_gl.html)









Comentarios