O Concello de Cruces descarta que a auga sexa a causa do brote de gastroenterite
➡️O ente local asegura que as analíticas da auga foron favorables
➡️O PP critica a xestión do abastecemento municipal e esixe explicacións ante a repetición dos problemas coa auga e a investigación sanitaria
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O goberno local de Vila de Cruces explica que as mostras recollidas o 12 de novembro non detectaron bacterias indicadoras de contaminación fecal e aclara que a recomendación de non beber nin cociñar coa auga foi unha medida preventiva pola súa turbidez. O Concello de Vila de Cruces quixo aclarar a situación do abastecemento municipal ante as sospeitas xurdidas nos últimos días sobre unha posible relación entre os casos de gastroenterite rexistrados no municipio e o consumo de auga da traída.
Segundo informa o goberno local, o pasado xoves 12 de novembro recolléronse mostras en dous puntos diferentes da rede municipal de abastecemento. Os resultados das dúas analíticas foron favorables e non detectaron presenza das bacterias analizadas, incluídas as indicadoras de contaminación fecal.

O Concello recoñece, non obstante, que a auga presentaba unha elevada turbidez, provocada polo arrastre de sedimentos como consecuencia das choivas. Con todo, asegura que os valores rexistrados se mantiveron dentro dos límites establecidos pola normativa.
Ante esta situación, e por prudencia mentres se comprobaba a evolución da turbidez, o goberno municipal recomendou non utilizar a auga para beber nin para cociñar. Desde o Concello insisten en que se tratou dunha medida preventiva e non dunha prohibición, e recalcan que en ningún momento se declarou a auga non apta para o consumo humano.
Sanidade continúa investigando a orixe dos casos
En relación cos episodios de gastroenterite, o executivo municipal sinala que a Consellería de Sanidade está investigando a súa orixe. Polo momento, segundo indica, non está confirmada ningunha relación entre estes casos e a auga da rede municipal. O Concello traslada así á veciñanza os resultados das analíticas realizadas e chama a evitar conclusións precipitadas mentres continúa a investigación sanitaria.
Pola súa banda, o Partido Popular de Vila de Cruces manifesta a súa "profunda preocupación pola situación que atravesa o servizo municipal de abastecemento de auga, tanto polos problemas de turbidez rexistrados nos últimos días como polo estado das instalacións, a falta de investimentos na súa modernización e a xestión que o goberno municipal vén realizando deste servizo público esencial".
Esta preocupación, apunta, "vese agravada tras coñecerse que a Consellería de Sanidade
iniciou unha investigación epidemiolóxica ante un posible brote relacionado co consumo de auga da rede municipal, unha circunstancia especialmente seria que esixe a máxima transparencia, rigor e colaboración coas autoridades sanitarias. Consideramos que o sucedido non pode analizarse exclusivamente como unha incidencia puntual provocada polas condicións meteorolóxicas, especialmente cando non é a primeira vez que se producen problemas de turbidez no abastecemento municipal. Xa no ano 2025 se rexistrou unha situación semellante e, transcorrido un ano, seguimos sen saber que deficiencias se detectaron naquela ocasión, que actuacións se executaron e que medidas adoptou o goberno municipal para evitar que o problema volvese repetirse".
PUBLICIDADE
Ademais, os populares denuncian que a resposta informativa do goberno municipal ante esta nova incidencia "se limitou novamente á publicación dun bando, que consideramos
tardío, como xa sucedera o ano pasado. Consideramos especialmente preocupante que, segundo a información atribuída á Consellería de Sanidade, o Concello non notificase ningunha incidencia relacionada coa auga de consumo, a pesar da situación que se estaba producindo".
Ante isto, esixen que o goberno municipal explique "cando tivo coñecemento do problema,
que analíticas se realizaron, que medidas adoptou e que comunicacións mantivo coas autoridades sanitarias. Pero, sobre todo, queremos saber que actuacións concretas se levaron a cabo desde a incidencia do ano pasado para corrixir as deficiencias detectadas e impedir que unha situación semellante volvese repetirse. Non podemos aceptar que, despois do sucedido en 2025, a resposta do goberno municipal volva limitarse á publicación dun bando cando o problema xa se produciu. O mantemento das instalacións, os controis sanitarios e a planificación dos investimentos deben ser unha preocupación permanente, non unha cuestión que só adquira protagonismo cando aparecen incidencias".
E insiste en que a investigación sanitaria deberá esclarecer a posible relación entre a auga e o brote epidemiolóxico, sen que corresponda anticipar conclusións. "Pero,
independentemente do seu resultado, consideramos imprescindible examinar a situación xeral das infraestruturas de abastecemento e as decisións adoptadas durante estes anos sobre a xestión do servizo. Neste sentido, queremos lembrar que, durante a nosa etapa de goberno, deixamos iniciado un procedemento para unha nova concesión do servizo municipal de abastecemento de auga, no que se contemplaban investimentos destinados á modernización das instalacións. Denunciamos que aquel procedemento quedou paralizado co cambio de goberno, optándose por manter a prestación do servizo mediante prórrogas".
PUBLICIDADE
O goberno municipal, salienta o PP, "debe explicar por que se paralizou aquel procedemento, que investimentos se realizaron desde entón e cal é a planificación prevista para garantir a conservación e modernización das instalacións. Non podemos perder de vista que as decisións sobre a xestión dun servizo público teñen consecuencias
a medio e longo prazo, especialmente cando falamos de infraestruturas directamente relacionadas coa saúde pública. Lembramos tamén que as instalacións da outra captación de auga, que abastece parte da parroquia de Merza, rexistran problemas de tamén de turbidez en ocasións. Estes antecedentes reforzan a necesidade de abordar a situación do abastecemento desde unha perspectiva municipal conxunta, identificando as
necesidades das distintas redes e establecendo un programa de mantemento e
investimentos que permita mellorar a fiabilidade do servizo".
Así mesmo, apuntan que "queremos lembrar igualmente que no ano 2024 levamos ao Pleno unha moción para implantar un plan de conservación, mantemento e control sanitario das fontes públicas do municipio, que foi aprobada por unanimidade da Corporación. A nosa proposta incluía expresamente a realización de análises periódicas da calidade da auga, cunha frecuencia mínima semestral nas fontes naturais sen tratamento de potabilización. Denunciamos que aquela iniciativa quedou sen actuacións efectivas por parte do goberno municipal, como sucede con outras propostas aprobadas no Pleno que acaban converténdose en papel mollado. De terse desenvolvido aquel plan, hoxe poderiamos contar con fontes debidamente mantidas e con controis sanitarios que permitisen identificar aquelas que reunisen as condicións necesarias para o consumo en situacións excepcionais".
O que dixo o BNG de Vila de Cruces: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-cruces-alerta-da-falta-de-alternativas-e-do-obsoleto-sistema-de-tratamento-da-auga-municipa









Comentarios