O PSOE de Lalín reivindica "os investimentos e avances do Goberno de Sánchez" na feira do 18
A voceira municipal, Alba Forno, e Manuel Pazos, candidato número tres ao Congreso pola provincia de Pontevedra percorreron a feira animando á veciñanza a participar nas eleccións
Ecos da Comarca/Lalín
O equipo do PSdeG-PSOE de Lalín saíu onte á rúa, coincidindo coa celebración da feira do 18, para trasladar á veciñanza a importancia de participar nas próximas eleccións "e mobilizar o voto progresista". A acción estivo encabezada pola voceira municipal socialista, Alba Forno, e por Manuel Pazos, candidato número tres ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra.
Durante o percorrido pola feira, os socialistas animaron á cidadanía a acudir ás urnas e lembraron que estes comicios "son especialmente importantes porque nelas está en xogo o modelo de país que queremos: seguir avanzando en dereitos, oportunidades e igualdade ou permitir un retroceso nos avances acadados nos últimos anos".

Alba Forno destacou que “estamos ante unhas eleccións ilusionantes, nas que hai moito en xogo. Non podemos dar nin un só paso atrás. Temos que seguir avanzando, defendendo os dereitos conquistados e apostando por un país que pense na maioría social, nas persoas traballadoras, nas familias e nos nosos maiores”. A voceira socialista puxo tamén o foco nos resultados concretos das políticas do Goberno de Pedro Sánchez en Lalín, asegurando que “nunca antes houbo un Goberno central que investise tanto no noso municipio e que tivese tan presentes as necesidades da veciñanza”. Neste sentido, salientou especialmente "a revalorización das pensións, que permitiu que a pensión media en Lalín pasase dos pouco máis de 700 euros que se percibían de media durante os gobernos do Partido Popular a superar por primeira vez os 1.000 euros".
Manuel Pazos, pola súa banda, reivindicou tamén o"s descontos conseguidos na autoestrada AP-53, unha demanda histórica da comarca e unha medida que supón un importante alivio económico para as persoas que utilizan habitualmente esta vía de comunicación".
PUBLICIDADE
“O Goberno de Pedro Sánchez demostrou con feitos o seu compromiso con Lalín e co interior de Galicia. A mellora das pensións, os descontos na AP-53 e o conxunto de investimentos realizados son exemplos de que hai outra maneira de gobernar, pensando nas necesidades reais da ciudadanía”, afirmou o candidato socialista. Pazos tamén contrapuxo este compromiso do Goberno central coa xestión do executivo municipal de Lalín, lembrando que “non pode permitirse perder oportunidades de investimento como aconteceu coa axuda do PIREP para a Praza de Abastos”, sinalou.
O candidato socialista puxo en valor, ademais, "as principais medidas impulsadas polo Goberno progresista, como a subida do salario mínimo interprofesional, a reforma laboral, a revalorización das pensións, o reforzo das bolsas e os avances en materia de igualdade e protección social". “Estas eleccións van de escoller entre dous camiños: seguir avanzando ou retroceder. Os dereitos e as melloras conseguidas non están garantidos para sempre. Temos que defendelos e seguir construíndo un país con máis oportunidades e xustiza social”, engadiu Pazos.
PUBLICIDADE
Desde o PSdeG-PSOE de Lalín insistiron en que cada voto conta e animaron á veciñanza a participar activamente nos comicios. Os socialistas defenderon "a necesidade de continuar cun proxecto político que se traduce en melloras concretas para a vida das persoas e que aposta por un futuro con máis dereitos, investimentos e igualdade".









Comentarios