Turexpo Galicia participa como feira convidada no Congreso Mundial de Turismo de Interior 2026
Laura Moure/Silleda
O Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia está presente como feira convidada no II Congreso Mundial de Turismo de Interior, o cal se celebra onte e hoxe no Teatro Municipal de Guarda, en Portugal, organizado pola Asociación Ibérica de Turismo de Interior (AITI).
Aínda que xa asistira un equipo feiral á primeira edición do Congreso, celebrado en Cáceres en 2024, esta é a primeira vez que conta cun espazo, potenciando a participación directa no encontro e favorecendo o contacto con institucións,
empresas, profesionais e destinos turísticos. Unha presenza que da continuidade
á xa estreita relación entre Turexpo Galicia e a AITI, a cal escolleu esta feira
galega o pasado mes de xuño como un dos escenarios de promoción do Congreso.
Agora, será Turexpo Galicia a que teña unha especial presenza en Guarda, como feira convidada neste encontro centrado nos retos e oportunidades dos territorios de interior que pretende demostrar que o turismo de interior pode converterse nunha ferramenta de cohesión territorial, creación de emprego, fixación de poboación e dinamización económica.

Un marcado carácter internacional, con relatores de 18 países
O II Congreso Mundial de Turismo de Interior reunirá a responsables institucionais, empresas, universidades, investigadores e representantes procedentes de dezaoito países, como son Portugal, España, Alemaña, Italia, Irlanda, Polonia, Estados Unidos, Colombia, Bolivia, Arxentina, México, Exipto, Xordania, Emiratos Árabes Unidos, Cabo Verde, Angola, Nixeria e Guinea Ecuatorial.
Unha presenza que consolida o seu carácter internacional e constitúe un dos elementos diferenciadores desta segunda edición, permitindo comparar realidades de Europa, América, África e Oriente Medio e analizar desafíos que afectan de forma transversal aos destinos de interior, promovendo o diálogo entre quen define políticas, quen inviste e opera no terreo e quen produce coñecemento, incentivando tanto las boas prácticas como a construción de estratexias conxuntas.
PUBLICIDADE
Un obxectivo que se desenvolverá a través dunha ducia de paneis temáticos nos que se debaterán cuestións como a visión que teñen os habitantes do interior sobre o turismo, a recuperación de destinos afectados por incendios e catástrofes, a cultura e a identidade, o turismo e a emoción ou o impacto que tería unha hipotética paralización da actividade turística.
Entre estes temas tamén se abordou esta mañá o futuro do turismo ibérico nunha mesa redonda na que participou o director xeral da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen estivo acompañado por Raúl Castro, de Turespaña; Carlos Abade, presidente do Consello Consultivo de Turismo de Portugal, Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal e Ignacio Ruiz, especialista e membro do Comité Científico do Congreso.
Esta participación do director xeral de Turismo e tamén de Turexpo Galicia responden a unha aposta da Asociación Ibérica de Turismo de Interior “pola cooperación entre eventos, destinos, institucións e empresas turísticas a ambos os dous lados da fronteira”, cobrando especial relevancia por compartir Galicia con numerosos territorios portugueses desafíos comúns, en canto a zonas rurais, baixa densidade de poboación, patrimonio natural e cultural ou gastronomía, entre outros aspectos.
A próxima edición de Turexpo, do 3 ao 6 de xuño
O Salón Turístico de Galicia celebrará a súa 16ª edición do 3 ao 6 de xuño no
recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), enmarcándose de novo na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que chega á súa 49ª convocatoria.
PUBLICIDADE
O certame, que conta co apoio da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia, celebrará unha edición especial Xacobeo 2027. Unha cita na que se traballa xa para conformar un efectivo espazo de colaboración e intercambio comercial do sector, ademáis dun atractivo escaparate de propostas e destinos para o público final.
Á súa proposta expositiva e de actividades, Turexpo Galicia volverá sumar a vistosa Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística, cun importante número de operadores e países emisores de turismo para multiplicar as posibilidades de negocio.









Comentarios