top of page

O BNG de Cruces alerta da falta de alternativas e do obsoleto sistema de tratamento da auga municipal

hace 2 días
3 min de lectura

Álex Fiuza: “O problema da auga non se resolve cun aviso nas redes sociais: precisamos alternativas de captación e investir nos depósitos e nos sistemas de depuración”


Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O BNG de Vila de Cruces denuncia que "a elevada turbidez da auga da traída municipal procedente do río Arnego volve deixar en evidencia as carencias do sistema de abastecemento de Vila de Cruces". O Bloque considera que esta situación "vai máis alá dun episodio puntual" e pon de manifesto "a falta de previsión do goberno de Luis Taboada, que continúa sen ofrecer garantías nin alternativas suficientes cando a captación habitual presenta problemas".


A formación lembra que xa o ano pasado advertira dos problemas de turbidez da auga e da necesidade de buscar alternativas á captación do Arnego. Naquel momento, o BNG tamén puxo sobre a mesa a recuperación do manancial do monte Carrio, cuxo sistema foi

reparado precisamente para poder contar cunha fonte alternativa de abastecemento. "Porén, a situación actual volve evidenciar a necesidade de integrar esta e outras posibles

captacións nunha planificación real que garanta a subministración de auga potable".


Para o portavoz municipal, Álex Fiuza, “non podemos seguir dependendo practicamente

dunha única captación e dun sistema de depuración antigo e obsoleto que non ofrece

garantías suficientes ante episodios como este. O que está pasando agora xa o advertimos

o ano pasado: Vila de Cruces necesita alternativas de captación e unha modernización das

instalacións de tratamento da auga”.

Fiuza tamén considera inadmisible que, ante a recomendación de non consumir a auga da

traída nin para beber nin para cociñar, o Concello se limitase a publicar un aviso nas redes sociais, sen garantir unha comunicación directa mediante bandos en papel nas parroquias

afectadas, como Vila de Cruces, Toiriz, Besexos, Oirós, Bodaño e Fontao. “Nun concello

cunha poboación avellentada non abonda con publicar unha mensaxe en internet. O goberno municipal ten a obriga de asegurarse de que a información chega a toda a

veciñanza, especialmente ás persoas maiores que non utilizan redes sociais”.


Tampouco, apunta, "se puxeron en marcha medidas suficientes para facilitar a subministración de auga potable ás persoas afectadas, especialmente ás maiores ou con dificultades de mobilidade, que precisan alternativas mentres se manteña a restrición".

 PUBLICIDADE

A esta situación "súmase o agravio que supón para os fogares seguir pagando un servizo que nestes momentos non garante unha subministración de auga apta para o consumo,

mentres as familias teñen que asumir ademais o custo de mercar auga embotellada para

beber e cociñar. A veciñanza paga os seus recibos e ten dereito a recibir un servizo en

condicións. Non é razoable que, cando o abastecemento falla, o Concello non ofreza

alternativas e sexan os propios veciños e veciñas quen teñan que asumir tamén ese gasto”, sinala Álex Fiuza.


O BNG considera imprescindible que o Concello "deixe de actuar unicamente cando

aparecen os problemas e aborde dunha vez as deficiencias estruturais do abastecemento

municipal. Isto pasa por recuperar e aproveitar efectivamente o manancial do monte Carrio,

estudar e habilitar novas alternativas de captación, renovar os depósitos e modernizar os

sistemas de tratamento e depuración da auga".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A formación reclama igualmente transparencia sobre as analíticas realizadas, coa publicación dos resultados e dos parámetros concretos avaliados, así como información

clara sobre a evolución da calidade da auga e as condicións necesarias para recuperar o

seu consumo. “Non estamos falando dunha cuestión secundaria, senón dun servizo básico e dun dereito da veciñanza. O Concello ten que anticiparse aos problemas, investir nas infraestruturas e garantir que cando falla unha captación existan alternativas. O que non pode facer Luis Taboada é esperar a que a auga saia turbia para reaccionar e limitarse a publicar un aviso nas redes sociais”, conclúe Álex Fiuza.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page