A Xunta acepta a cesión de solo de Lalín e licita a construción de 15 novas vivendas públicas
O Executivo autonómico toma razón do expediente de aceptación da cesión gratuíta dunha parcela situada na rúa Fontesanguiña, e continuar ampliando o parque público residencial
Laura Moure/Lalín
O Executivo autonómico tomou onte razón da tramitación do expediente de aceptación de solo cedido gratuitamente por parte do Concello de Lalín, que lle permitirá á Xunta impulsar a construción de 15 vivendas de promoción pública neste municipio. Seguindo a senda comprometida polo Goberno galego de duplicar o parque público de vivenda na comunidade para o ano 2028, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Sociedade de Vivenda Pública (Vipugal), recibiu o compromiso do Concello desta cesión da titularidade gratuíta dunha parcela da rúa Fontesanguiña, no obxectivo de impulsar vivenda protexida nesta vila e seguir incrementando o parque público residencial autonómico.

O Consello da Xunta tamén autorizou onte a licitación do contrato de execución das obras de construción de 15 novos fogares, garaxes e rochos (prolongación rúa Rosalía de Castro) do concello de Lalín. O número de vivendas é estimado e quedará fixado cando se redacte o proxecto. O importe de licitación do contrato de construción das vivendas será de 3.505.830,67 euros. Nas vindeiras semanas, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitará este contrato, que inclúe a redacción do proxecto, a dirección da obra e a execución das obras de construción das vivendas co emprego de técnicas industrializadas
PUBLICIDADE
Este é o segundo proxecto de construción de vivendas de promoción pública que acomete a Xunta en Lalín, onde tamén desenvolve un proxecto de 17 vivendas na parcela RP-B2.1 do vial 1. A obra foi adxudicada o 11.9.2026 por importe de preto de 3,1 millóns de euros
PUBLICIDADE
Lalín é así un dos 17 concellos que nesta lexislatura están xa a colaborar coa Xunta para o desenvolvemento de vivenda pública, a través da cesión de balde de solo municipal. Esta rede inclúe tamén aos concellos de Pontevedra, Lugo, Teo, A Estrada, A Coruña, Vilagarcía de Arousa, Ames, Carballo, Narón, San Cibrao das Viñas, Arteixo, Bueu, Baiona, Sanxenxo, O Porriño e Santiago de Compostela.









Comentarios