top of page

A comunicadora silledense Aida Vilariño García, nova (in)VISIBLE do mes de setembro

hace 15 horas
3 min de lectura

Actualmente é directora de Comunicación e Eventos de Bell & Ross en España, tras orientar a súa carreira cara á comunicación de marca, o marketing e o sector do luxo


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda dedica neste mes de setembro o programa (in)VISIBLES á comunicadora silledense Aida Vilariño García, natural de Refoxos e que precisamente onte celebrou o seu 28 aniversario. A elección da data e da protagonista desta nova entrega non é casual. O 28 de setembro celébrase o Día Mundial das Noticias unha campaña internacional que pon o foco no valor do xornalismo baseado en feitos, da información

contrastada e da confianza nas noticias. Coincidindo con esta efeméride, o Concello quere recoñecer a traxectoria dunha moza de Silleda que comezou o seu camiño profesional precisamente no xornalismo, nas noticias da Televisión de Galicia, e que, co paso dos anos, foi descubrindo novas formas de comunicar.


Aida estudou Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela movida por un interese que xa a acompañaba desde pequena: contar historias, coñecer persoas e entender o que acontece ao seu arredor. Durante os seus anos de formación tivo a oportunidade de traballar en distintos medios, entre eles Europa Press e a Televisión de Galicia.

Nesa primeira etapa exerceu distintas funcións como redactora, locutora, presentadora e community manager, experiencias que lle permitiron coñecer diferentes facetas do oficio e aprender a adaptarse a múltiples linguaxes e formatos. Sobre todo, descubrironlle que unha mesma historia pode ser contada de maneiras moi diferentes en función do soporte e do público ao que se dirixe.


Do xornalismo á comunicación de marca

Despois deses primeiros anos nos medios, Aida foi decatándose de que o que máis a atraía era o mundo da moda, o luxo e as marcas. Aquel interese levouna a descubrir outra vertente da comunicación: contar historias desde dentro das propias firmas e construír a maneira na que estas se relacionan co seu público.


Decidiu entón trasladarse a Madrid para continuar a súa formación cun máster e especializarse en ámbitos como o Marketing e o Neuromarketing. A partir de aí comezou a traballar en axencias, asumindo a comunicación de distintas marcas ao mesmo tempo e aprendendo a identificar que quere transmitir cada unha, cales son os seus valores, cando debe facelo, con quen debe asociarse e onde está o público ao que quere chegar cada produto ou proxecto.


Para Aida, o xornalismo convencional e a comunicación de marca poden parecer dous mundos moi diferentes, pero comparten unha mesma base: a necesidade de comunicar. Unha idea, unha historia, un suceso, un produto ou uns valores. O que foi mudando ao longo da súa aínda curta traxectoria é o lugar desde o que comunica e as persoas ás que quere chegar.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Actualmente desempeña en Madrid o posto de directora de Comunicación e Eventos de Bell & Ross en España, unha responsabilidade desde a que continúa desenvolvendo esa visión transversal da comunicación e ampliando a súa experiencia no ámbito das marcas e do sector do luxo.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destaca que “quixemos facer coincidir esta nova entrega de (in)VISIBLES co Día Mundial das Noticias porque Aida representa moi ben esa capacidade da comunicación para evolucionar e abrir novos camiños. Comezou no xornalismo, contando historias desde os medios, e hoxe faino desde outro ámbito completamente distinto, pero mantendo esa mesma esencia de saber comunicar, conectar e chegar ás persoas”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

“Aida representa tamén unha xeración nova de mulleres de Silleda que souberon formarse, moverse, adaptarse e abrirse camiño en sectores moi competitivos. É especialmente significativo que, sendo aínda tan nova, ocupe xa un posto de responsabilidade nunha firma internacional e que detrás dese percorrido haxa unha rapaza que naceu en Refoxos e foi construíndo a súa carreira paso a paso. Historias como a súa son precisamente as que queremos facer visibles con este programa”, engade Fernández Pena.


Mil formas de comunicar

A propia Aida resume a súa evolución profesional cunha idea que atravesa todo o seu percorrido: comunicar segue sendo o fío común de cada unha das etapas da súa carreira. Cambiaron os formatos, os sectores e os públicos, pero mantense intacta a vontade de contar e de seguir aprendendo novas maneiras de facelo.


“Agardo poder seguir aprendendo mil formas máis de comunicar”, explica a protagonista desta nova entrega de (IN)VISIBLES.


Con este nomeamento, o Concello de Silleda continúa ampliando o proxecto (IN)VISIBLES, destinado a divulgar e poñer en valor as historias de mulleres vinculadas ao municipio e referentes nos ámbitos profesionais, sociais, culturais e deportivos.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page