O SLG denuncia a “absoluta inacción” da Consellaría de Medio Rural ante a seca que afoga as granxas
- ecosdacomarca

- hace 7 minutos
- 4 min de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Os problemas derivados da seca nas granxas galegas non deixan de aumentar, lamenta o Sindicato Labrego Galego que sinala que "sen que ata o de agora a Consellaría do Medio Rural (CMR) tivera a ben sentarse co sector agrario para abordar esta difícil situación". Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG) levan meses denunciando a "absoluta inacción" da consellaría e esixindo que se constitúa, con carácter inmediato, un grupo de traballo para facer fronte ás consecuencias do cambio climático nas granxas galegas.
Perdas en todos os sectores produtores
O sindicato salienta que "cada vez é máis inviable producir en Galiza". "Coas temperaturas actuais e a escaseza de choiva, a produción de horta resulta inviable en moitos lugares, especialmente nos cultivos de verán, dos que moitas familias labregas obteñen a maior parte dos seus ingresos anuais". Segundo o SLG, nalgúns casos esta produción reducíuse en máis da metade.

A campaña de recollida de herba para o gando vacún, tanto de carne como de leite, resultou "desastrosa". Nalgunhas zonas da montaña de Lugo, sinala, que as granxas recolleron a metade de herba que en anos anteriores, e a tendencia dos últimos tres exercicios amosa unha caída progresiva na colleita. Como consecuencia, moitas explotacións xa están a consumir a día de hoxe forraxe que noutras campañas non se empezaba a gastar ata xaneiro.
Tamén o millo, cultivo clave para o sector leiteiro, está a sufrir os efectos da seca: a planta non consegue desenvolverse con normalidade, polo que o SLG prevé para esta campaña unha colleita de peor calidade e insuficiente para abastecer as granxas de leite. "Nun país xa deficitario en produción de forraxes, esta situación agrava aínda máis a crise de prezos que atravesa o sector".
PUBLICIDADE
Ningún sector agrario, recalca, "se libra das consecuencias desta seca e das ondas de calor, vinculadas sen dúbida ao cambio climático. No sector apícola xa se nota unha caída de produción de ata tres cuartas partes en amplas zonas do país, un contexto climático que, ademais, favorece o avance da velutina".
"Unha década de inacción e un modelo de axudas caduco"
Para o SLG, estas condicións fan cada vez máis difícil producir alimentos no propio país, unha realidade que o sindicato vén denunciando ao longo desta década, dende o 2020, sen que a administración e a CMR se decidisen a tomar medidas reais de axuda ao sector. O sindicato reclama un pacto social coas organizacións agrarias que permita deseñar liñas de axuda estables e garantir a viabilidade económica das "cada vez menos granxas" que quedan no territorio.
PUBLICIDADE
É necesario, insisten, un plan integral que permita ás explotacións adaptarse a esta nova realidade climática, o que pasa por mudar a orientación das axudas actuais. Fronte ao modelo de sobredimensionamento e tecnificación que favorece a CMR, o SLG reclama liñas orientadas a preparar as granxas para afrontar estes episodios de seca, nun contexto no que os plans de mellora son cada vez máis escasos.
A auga, un ben esencial que xa non se pode dar por garantido
O sindicato lembra que a auga é un ben esencial para a produción de alimentos e para a supervivencia do gando, algo que ata hai relativamente pouco tempo non se cuestionaba, xa que dispor de auga nunca fora un problema en Galicia. Os proxectos agrarios, e en especial os de horta familiar ao aire libre, dependen cada vez máis de sistemas de rego para sacar adiante unha colleita. Por iso, o SLG esixe que ningún proxecto agrario se vexa forzado a pechar por falta de auga ou por non poder asumir o custo de dispor dela.
O SLG esixe axuda directa e unha mesa permanente
Ante a gravidade da crise deste ano, que ameaza con levar por diante centos de granxas de todo tipo, o SLG esixe que a CMR convoque xa unha liña de axuda directa con fondos propios que compense as perdas nas granxas, tanto polas perdas e a compra de forraxe como polas perdas na horta pola falta de auga. O sindicato volve reclamar tamén a convocatoria da mesa polo cambio climático, que debe funcionar de xeito continuado dentro dun gran pacto social que poña os problemas enriba da mesa, busque solucións e permita unha planificación ordenada da produción de alimentos no país.
PUBLICIDADE
"A alimentación e o papel social das labregas no territorio son un dos bens máis valiosos que ten un pobo", subliña Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG, quen advirte de que se a Xunta omite crear un grupo de traballo amplo, con vontade de afrontar estas problemáticas e de orientar o sector cara a unha transición agroecolóxica, estará a demostrar que é o propio goberno quen rompe o diálogo e amosa pouca vontade de resolver os problemas reais da xente.









Comentarios