O SLG: "As políticas actuais de dependencia obrigan ás mulleres a asumir os coidados"
- ecosdacomarca

- hace 20 horas
- 5 Min. de lectura
Desminte o "triunfalismo da Xunta neste ámbito"
Ecos da Comarca/Xeral
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) ofreceu onte unha rolda de prensa no Local Nacional do SLG en Santiago de Compostela, para denunciar "o grave deterioro do sistema de atención á dependencia en Galiza". Na rolda compareceron María Ferreiro Santos, gandeira e Secretaria Xeral do SLG, e Margarida Prieto Ledo, membro do Sindicato Labrego Galego, quen asegurou que “a situación é moi preocupante e por desgraza cúmprese o que nós prognosticaramos”.
Antecedentes
Sinaron que en maio de 2021, a prensa abría con grandes titulares de Núñez Feijóo nos que se aseguraba que "A Xunta prevé diminuír á metade o tempo de valoración da dependencia". A finais dese ano, o proxecto entraba no Consello Galego de Benestar Social (CGBS) e dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) xa "advertiamos que o novo proxecto para a tramitación da Dependencia non solucionaba as listas de agarda e recortaba prestacións". "A eses titulares sucederon moitos máis, así como páxinas de propaganda nos medios de comunicación cos cambios normativos que se foron acometendo: a unificación do procedemento de valoración e de aprobación do Plan Individual de Atención (2023), a unificación do procedemento de valoración de dependencia e discapacidade (2024), a suposta simplificación da burocracia... Os resultados, porén, non acompañaron para nada os titulares", recalcal

Hoxe,apunta o SLG, transcorrido un tempo prudencial, "dende Sindicato Labrego Galego denunciamos que a situación non mellorou para as persoas dependentes e as súas familias. Pola contra, o sistema sufriu un importante deterioro".
Unha simplificación que non foi tal
Salienta que un dos cambios introducidos pola Xunta foi eliminar a obriga de achegar informes sociais e médicos xunto coa solicitude de dependencia, co argumento de simplificar a burocracia. "Porén, esta medida só significou un deterioro máis no sistema, dado que son informes básicos e imprescindibles para unha correcta valoración da persoa. De feito, estes informes en moitos casos estanse a requirir dende as equipas de valoración, polo que non existiu tal simplificación".
A unificación dos procedementos, apunta, "trouxo máis do mesmo: máis atrasos no recoñecemento dos dereitos no caso da unificación da valoración de dependencia e do Plan Individual de Atención (PIA) —o documento que determina as prestacións concretas que recibirá cada persoa unha vez recoñecido o seu grao de dependencia—, valoracións inadecuadas no caso da equiparación da discapacidade (ao non valorar, por exemplo, a mobilidade reducida), etc".
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Tempos de agarda e investimento insuficiente
"A pesar das cifras triunfalistas da Xunta, en Galiza seguimos agardando case un ano para a valoración de dependencia: 329 días en 2025, cando o prazo máximo de resolución son 180 días. Galiza segue sendo a comunidade autónoma que menos solicitudes ten por persoa totalmente dependente e sitúase entre os territorios que menos inverten en dependencia, con apenas 1.317 euros por persoa".
Mentres, lamenta, "as persoas dependentes morren, moitas delas agardando unha valoración ou prestación. Nos primeiros nove meses de 2025 faleceron 71 persoas en Galiza en lista de agarda. Todo isto fai que as familias se estean vendo obrigadas a acudir á xustiza para que lles recoñezan os seus dereitos. Incluso en casos nos que a persoa dependente faleceu durante a espera, a Xunta arquiva os expedientes sen resolvelos, obrigando aos xulgados a concluír os procedementos pendentes, como os cambios de PIA".
A prestación de coidador como única opción: impacto de xénero
Outra das cuestións que para o SLG ten especial gravidade é como a prestación de coidador, que debería ser unha axuda de carácter excepcional, se converteu nos últimos tempos na única posibilidade que se lles ofrece a moitas familias. "A Xunta descarga as competencias que lle corresponderían a ela nos concellos. Na maioría dos concellos, debido á infrafinanciación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por parte da Xunta, existen listas de agarda para os graos I e II, polo que ás familias só lles queda a opción da prestación de coidador como mal menor. Isto ten un claro impacto de xénero, toda vez que a feminización dos coidados fai que estes sexan realizados polas mulleres non por libre elección, senón por obriga. Isto significa un retroceso en política social a tempos pasados, onde a carga dos coidados era responsabilidade exclusiva das mulleres.
As cifras son contundentes: o SAF pasou de representar o 28,58% das prestacións en 2023 ao 23,69% en 2024 e ao 16,03% en 2025. Pola contra, a prestación de coidador incrementouse de forma moi importante, pasando do 19,58% en 2023 ao 19,77% en 2024 e ao 24,22% en 2025".
Publicidade
Este impacto de xénero vese reflectido claramente, apunta o SLG, nas altas no convenio especial da Seguridade Social de coidadores non profesionais: "pasaron de 5.410 en 2023 a 7.681 en 2025, un incremento do 42% en só dous anos. Desas altas, o 88% son mulleres. E hai que ter en conta que moitas mulleres compatibilizan os coidados con actividade laboral ou pensións, co cal as cifras de coidadoras aínda son maiores".
"Ademais, as mulleres tampouco solicitan a dependencia para si mesmas: non é ata a partir dos 80 anos cando as mulleres igualan aos homes en solicitudes, dato que hai que poñer no contexto de que as mulleres teñen unha esperanza de vida maior. A isto súmase que moitas persoas dependentes teñen problemas de saúde mental e non poden estar en domicilios sen acceso a praza pública ou persoas soas que non teñen familia e, por outra banda, existen fogares onde ninguén pode asumir estes coidados. Isto implica que haxa familias que teñen que recorrer a servizos privados, cun gasto que para moitas resulta inasumible".
Incumprimentos legais da Xunta
Dende o SLG denuncian tamén "o incumprimento legal da Xunta ao non convocar o Consello Galego de Benestar Social no último ano, cando a lei obriga a facelo polo menos unha vez ao ano. A maiores, a principios de 2025 entrou en vigor unha normativa que reduce as competencias deste organismo, limitándoo a tratar só os borradores normativos que a Consellería de Política Social considere, en lugar de toda a normativa. A isto súmase que, despois de anos de compromisos por parte da Xunta para crear un grupo de análise da aplicación da Dependencia dentro do Consello, nin ese grupo chegou a crearse nin o propio Consello se convoca coa periodicidade mínima legal".
Publicidade
As esixencias do Sindicato
"Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos que se convoque o Consello Galego de Benestar como marca a lei. Por iso, rexistramos unha solicitude diante da Valedora do Pobo para que inste á Consellería a convocar o Pleno do Consello Galego de Benestar de forma presencial. Así mesmo, imos rexistrar unha solicitude á Consellería para que, con carácter de urxencia, se elabore un estudo do impacto de xénero que as medidas aplicadas pola Xunta nos últimos dous anos tiveron sobre as mulleres galegas. Cada vez é máis importante loitar polos dereitos das persoas dependentes e con discapacidade. Dereitos que criamos consolidados estanse a perder moi rapidamente. Temos que esixir que eses dereitos non queden no papel. E non podemos normalizar baixo ningún concepto o retroceso vivido nos últimos anos".
Por todo isto, insiste en que dende o SLG "traballamos con varias plataformas sobre este tema e pensamos seguir mobilizándonos ata recibir unha resposta por parte da Xunta de Galicia".








Comentarios