O PSOE de Lalín propón un plan integral para mellorar o mantemento dos parques infantís e zonas verdes
A moción que se levará ao pleno aposta por revisar o estado dos parques, reforzar o mantemento no rural e actualizar o servizo municipal
Ecos da Comarca/Lalín
AO PSdeG-PSOE de Lalín levará ao próximo pleno unha moción para impulsar un plan integral de mantemento dos parques infantís, xardíns e zonas verdes, co obxectivo de mellorar o estado destes espazos en todo o municipio e garantir o seu uso en condicións adecuadas.

A secretaria xeral e voceira municipal socialista, Alba Forno, explicou que a proposta busca avanzar cara a un modelo máis planificado e continuo de coidado dos espazos públicos.
Neste sentido, Forno visitou, xunto co secretario de Política Municipal, Daniel Santalla, o parque situado na rúa Manuel Rivero, onde puido comprobar a necesidade de actuacións de mantemento en elementos como o valado perimetral, que presenta desgaste e deterioro. “Son espazos que forman parte da vida diaria das familias e que deben estar en boas condicións para o seu uso”, sinalou.
Publicidade
A iniciativa socialista estrutúrase en tres liñas de actuación: a revisión e mellora dos parques infantís, garantindo a reposición dos elementos deteriorados e as condicións de seguridade; o reforzo do mantemento das zonas verdes no rural e no casco urbano, asegurando un tratamento equilibrado de todo o territorio; e a actualización do servizo municipal de mantemento, mediante a tramitación dun novo contrato adaptado ás necesidades actuais.
PUBLICIDADE
Neste último punto, o PSdeG sinala que o servizo leva anos funcionando irregularmente, sen contrato e mediante o pago mensual de facturas a través do levantamento de reparos suspensivos, polo que consideran imprescindible licitar un novo servizo. “Forno destacou que o importante é pasar dunha actuación puntual a unha planificación continua: non se trata só de arranxar cando hai problemas, senón de manter de forma regular os espazos públicos”, indicou.









Comentarios