top of page

O PSOE de Lalín cualifica de “chapuza inaceptable” o proceso selectivo da Policía Local

Pide que a repetición do exame se leve a cabo na AXEGA


Ecos da Comarca/Lalín

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Lalín celebra que, tal e como reclamou publicamente hai uns días, o tribunal cualificador do proceso selectivo para cubrir tres prazas da Policía Local se vexa obrigado a anular o exame tipo test realizado o pasado 13 de xuño debido ás múltiples irregularidades detectadas.

A voceira socialista, Alba Forno, considera que a decisión de repetir a proba “confirma o que dixemos desde o primeiro momento: este proceso estaba completamente viciado, desacreditado e cheo de erros que puxeron en dúbida a súa limpeza desde o minuto un”. “A excusa do erro tipográfico derivado dun cambio de formato entre LibreOffice e Word parece pouco crible e desde o Partido Socialista —e moita xente— non cremos nas casualidades”, afirmou Forno.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

“A casualidade de que a letra máis grande sexa sempre a resposta correcta é, como pouco, sospeitosa. Os propios opositores están escandalizados. E con razón”, engadiu.

Neste sentido, a voceira do PSOE considera que o tribunal cualificador non pode continuar á fronte deste proceso, pois carece xa de toda credibilidade: “Está completamente desacreditado e esiximos o seu cesamento inmediato. Non é posible continuar con garantías se os mesmos que permitiron esta chapuza seguen dirixindo o proceso”.


Ademais, o Partido Socialista de Lalín esixe que o novo exame se realice na AXEGA (Axencia Galega de Seguridade Pública), na Estrada, “como fan a maioría dos concellos de Galicia, con todas as garantías, transparencia e rigor”. “Se se fai así, ademais, afórranse recursos ao Concello, porque non tería que asumir os custes do exame. Pero o PP de Lalín prefire pagar máis por organizar peor”, criticou Forno.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O grupo socialista anuncia tamén que solicitará a comparecencia urxente da concelleira de Réxime Interno, Paz Pérez. “Non se pode permitir que un proceso selectivo con 247 aspirantes de toda Galicia estea rodeado de dúbidas, de erros tan graves e dunha xestión tan lamentable”, advertiu.


Para Alba Forno, esta situación é “gravísima, e non se trata só dun erro técnico: é unha cuestión de responsabilidade política e de garantía de igualdade de oportunidades”. “Xa non vale con repetir o exame. Hai que asumir responsabilidades e limpar de raíz un proceso que xa naceu mal e que hoxe, aínda que se corrixa, está absolutamente manchado”, concluíu.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page