top of page

Silleda honra a memoria do doutor Fernández Colmeiro no 128 aniversario do seu nacemento

hace 15 minutos
3 min de lectura

Comezan os traballos arqueolóxicos na Praza da Igrexa de Silleda


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda honrou onte a memoria do doutor José María Fernández Colmeiro, coincidindo co 128 aniversario do seu nacemento, cun acto conmemorativo no que se descubriu unha placa dedicada á súa figura.


A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, xunto coas concelleiras Mónica González Conde, Ángela Troitiño e Estefanía Taín, descubriron a placa, coa que o Concello quere deixar un recordo permanente dun dos silledenses cunha traxectoria profesional e científica máis destacada do século XX.


José María Fernández Colmeiro naceu na parroquia da Toxa, en Silleda, o 21 de setembro de 1898. Sendo aínda novo emigrou a Montevideo, onde cursou estudos de Medicina e iniciou unha importante carreira profesional.

A súa vida estivo tamén marcada polo seu compromiso coa República e polas consecuencias da Guerra Civil. O exilio levouno posteriormente a Francia, onde desenvolveu en París boa parte da súa actividade médica e investigadora, especialmente no ámbito da oncoloxía, chegando a estar vinculado á Fundación Curie e acadando un notable recoñecemento profesional.


Co descubrimento desta placa, (que incorpora un Código QR coa traxectoria de Fernández Colmeiro) o Concello de Silleda pretende contribuír á recuperación e divulgación da súa figura e achegar ás novas xeracións a historia dun médico e investigador nacido no municipio que desenvolveu unha destacada carreira fóra de Galicia.


A homenaxe forma parte do programa municipal de Memoria Democrática, que arrancou o pasado 12 de setembro co Roteiro do Siñor Afranio, arredor da figura de Antón Alonso Ríos, e que continuará o vindeiro 2 de outubro co recoñecemento a Teófilo del Valle.


A iniciativa busca recuperar do esquecemento figuras vencelladas ao municipio e poñer en valor as súas traxectorias persoais, profesionais e humanas como parte da memoria colectiva de Silleda.


Tamén se iniciarán os trámites oportunos para que o Centro de saúde de Silleda leve oficialmente o nome do doutor nado na aldea de Toxa, tal e como acordara no seu día o Pleno do Concello.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Por outra banda, a empresa A Citania Arqueoloxía, á que se lle adxudicou a intervención arqueolóxica, iniciou onte os traballos na zona do parque da Praza da Igrexa de Silleda, dando así un novo paso no procedemento aberto tras a aparición de restos óseos durante as obras de reforma deste espazo. A actuación de reforma do parque contaba desde o inicio coa correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que non esixiu inicialmente un proxecto arqueolóxico pero que establecía que , no caso de aparecer restos durante os traballos, estes deberían ser comunicados de inmediato a Patrimonio.


Foi precisamente este procedemento o seguido polo Concello cando, durante os movementos de terras realizados na fin de semana do 22 e 23 de agosto, apareceron restos óseos na zona. Unha primeira inspección realizada por persoal especializado confirmou que se trataba de restos humanos.


O luns 24 de agosto, nada máis coñecer a situación, o Concello remitiu unha comunicación formal á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informando do achado e solicitando indicacións sobre como proceder. Tras analizar a situación, Patrimonio determinou a necesidade de realizar unha intervención arqueolóxica de urxencia antes de continuar coa obra. Entre as medidas establecidas figuran unha escavación manual nunha superficie aproximada de 145 metros cadrados, a realización de oito sondaxes nos puntos correspondentes ás zapatas previstas no proxecto e a revisión, baixo control arqueolóxico, do material procedente dos traballos executados ata ese momento.

A partir desa indicación, o Concello iniciou os trámites necesarios para contratar a intervención, que finalmente foi adxudicada a A Citania Arqueoloxía, empresa que desde onte leva a cabo sobre o terreo os traballos previstos. Esta actuación permitirá documentar correctamente os restos e o propio espazo, coñecer con maior precisión as características do antigo ámbito funerario e determinar as condicións nas que poderá retomarse a reforma da Praza da Igrexa.


Cómpre lembrar que esta zona formou parte do antigo cemiterio parroquial ata comezos do século XX e que, posteriormente, foi obxecto de diferentes transformacións e obras, entre elas actuacións realizadas a finais dos anos 80 e a propia creación do parque infantil existente ata o inicio da actual reforma. Durante o proceso arqueolóxico tamén se realizará o control do material xa extraído, tal e como estableceu Patrimonio, antes de proceder á súa retirada definitiva.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

“Desde o Concello de Silleda seguimos traballando para que todo este procedemento se desenvolva co máximo rigor, respecto polo patrimonio e coa maior celeridade posible, cumprindo en todo momento as indicacións técnicas e administrativas de Patrimonio Cultural”, indica a alcaldesa e responsable municipal de Obras e Urbanismo, Paula Fernández.


O obxectivo é completar canto antes esta intervención arqueolóxica e, unha vez coñecidos os seus resultados e recibidas as indicacións correspondentes, poder retomar as obras de renovación do parque da Praza da Igrexa.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page