O PSOE de Lalín alerta "do perigo das pedras instaladas a modo de bolardo na rúa Monte Faro"
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O portavoz do Grupo Socialista no Concello de Lalín, Anxo Álvarez, vén de denunciar publicamente a situación de perigo xerada polas pedras instaladas a modo de bolardo na rúa Monte Faro, que está a causar danos crecentes aos vehículos e poñer en risco a seguridade viaria.

“Son bloques de pedra con arestas agudas: unha simple rozadura está a provocar pinchazos, roturas de pneumáticos, arañazos nas llantas e golpes nas portas. Isto é inaceptable nunha rúa de plataforma única, onde a prioridade debe ser sempre dos peóns, non dos coches”, subliñou Álvarez.
O concelleiro socialista lembra que as rúas de plataforma única teñen vocación peonil, coas beirarrúas ao mesmo nivel que a calzada para facilitar o tránsito das persoas. "Con todo, os bolardos de pedra –lonxe de protexer aos viandantes– manteñen a percepción de dominio do espazo polo tráfico rodado e supoñen un obstáculo para os veciños e un risco para os seus vehículos".
Publicidade
“Esiximos ao goberno local do PP que retire de forma inmediata estes elementos. Non basta con sinalizar: hai que eliminar o perigo máis aillado”, afirma Álvarez.
Segundo informan residentes da zona, as denuncias de veciños e veciñas acumuláronse nas últimas semanas. Hai persoas que estudan iniciar unha recollida de firmas para reclamar a solución deste problema. O PSOE de Lalín está xa en contacto cos promotores da iniciativa e ofrecerá todo o seu apoio para levar adiante esta acción cidadá.
Publicidade
“É unha demanda xusta: un espazo público deseñado para as persoas non pode converterse nunha trampa para os seus propios vehículos. Traballaremos da man dos veciños para que o goberno municipal entenda que a seguridade e o benestar da poboación non se negocian”, engadiu o portavoz socialista.
Comments