O PSOE de Lalín solicítalle ao goberno local un acto conmemorativo dos 50 anos de democracia
- ecosdacomarca
- 22 abr
- 3 Min. de lectura
Tamén demanda traer dende Bos Aires a placa en homenaxe aos represaliados en Deza e levar a cabo actividades divulgativas e educativas para cidadanía
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín levará ao vindeiro Pleno unha moción sobre os 50 anos da democracia. A través da mesma solicítalle ao Concello a organización no ano 2025 dun acto conmemorativo para destacar o longo proceso de transformación política, económica e social que permitiu que España se convertese nunha democracia consolidada e respectada a nivel internacional, entre outras cuestións.

"O ano 2025 marca o cincuentenario do inicio do proceso de democratización en España, un fito que comezou co falecemento do ditador Francisco Franco en 1975 e que desembocou na construción dun sistema democrático baseado na liberdade, os dereitos fundamentais e o progreso colectivo. Os países do noso entorno conmemoran os aniversarios das súas democracias tomando como referencia a fin dos seus respectivos réximes autoritarios. Deste xeito, estas efemérides convértense en ocasións para a reflexión, a memoria e a reafirmación dos valores democráticos que permitiron sociedades máis xustas e avanzadas", explica o PSOE.
"Hoxe, cincuenta anos despois, os fundamentos da democracia estanse vendo cuestionados por discursos que buscan a súa deslexitimación, especialmente entre as xeracións máis novas, que en ocasións amosan unha preocupante simpatía por modelos autoritarios. Neste contexto, recordar os anos escuros do franquismo e o esforzo colectivo para superalos non só é unha forma de honrar o pasado, senón unha necesidade para previr calquera intento de retroceso. A democracia española non foi un agasallo, nin unha consecuencia accidental, senón o resultado dun compromiso firme da sociedade coa liberdade e o progreso. A Transición foi un exemplo de diálogo e consenso que permitiu a España avanzar ata converterse nun referente mundial en moitos ámbitos", engade.
Publicidade
Para Lalín, apuntan os socialistas, "a chegada da democracia supuxo un punto de inflexión na súa historia. Desde as primeiras eleccións municipais democráticas de 1979, a vila experimentou un notable crecemento e modernización. Durante este período, Lalín desenvolveuse economicamente, consolidándose como un referente en sectores clave como a industria agroalimentaria, o comercio e os servizos. A aposta pola educación e a cultura permitíu que Lalín contase con infraestruturas educativas e culturais de primeiro nivel, fomentando unha sociedade máis formada e participativa. Ademais, os investimentos en infraestruturas e servizos públicos, posibles grazas á consolidación do estado democrático, contribuíron a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes".
A participación cidadá e a pluralidade política trouxeron consigo, indican, "un maior benestar e unha mellor representación das necesidades dos lalinenses. Os avances en igualdade, dereitos sociais e acceso á sanidade e á educación foron posibles grazas á estabilidade e ao desenvolvemento institucional que proporciona a democracia. Todo isto fai que sexa necesario non só celebrar estes cincuenta anos de progreso, senón tamén defender con firmeza os valores democráticos fronte a calquera intento de regresión".
En vista dos datos postos de manifesto o Grupo Municipal Socialista propón ao Pleno do
Concello a adopción dos seguintes acordos:
1. Solicitarlle ao Concello de Lalín a organización no ano 2025 un acto conmemorativo para destacar o longo proceso de transformación política, económica e social que permitiu que España se convertese nunha democracia consolidada e respectada a nivel internacional. "No marco deste acto, renderase unha homenaxe á primeira corporación democrática do Concello de Lalín, como recoñecemento á súa contribución na construción dun municipio máis plural, aberto e democrático. Tamén se realizará unha homenaxe aos represaliados durante a ditadura franquista en Lalín, como mostra de respecto e recoñecemento ao sufrimento de todas aquelas persoas que padeceron a persecución política por defender a liberdade".
Publicidade
2. Solicitarlle ao Concello de Lalín a realización das xestións necesarias para traer desde Bos Aires a placa en homenaxe aos represaliados en Deza, promovida pola Unión do Partido de Lalín e a colocala nun lugar destacado dentro da Casa Consistorial como símbolo de memoria e xustiza.
3. Solicitarlle ao Concello de Lalín a organización de actividades divulgativas e educativas
dirixidas á cidadanía, especialmente á mocidade, para resaltar o valor da democracia e a
importancia de defendela.
Comments