Cruces entrega aos comercios e á hostalería local bolsas e manteis para homenaxear as Letras Galegas
- Laura Moure
- hace 6 minutos
- 2 Min. de lectura
A celebración coincide coa festividade de San Cidre, co seu Festival Folclórico hoxe, sábado, na Praza do Concello
Laura Moure/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces súmase á celebración do Día das Letras Galegas 2025, que este ano homenaxea no día de hoxe á poesía popular oral, personificada en sete cantareiras: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

Nesta campaña, o Concello entrega a todos os comercios de Cruces unhas bolsas que usarán nas súas vendas nestes días, así como uns manteis individuais para os establecementos da hostalería do municipio.
O alcalde cruceño, Luís Taboada, convida a veciñanza á participación nesta festa da lingua e as letras do país. “A linguaxe oral en Galicia é dunha extraordinaria riqueza, con múltiples sons e tonalidades, un patrimonio inigualable. Cruces é todo un exemplo de pobo musical de raíz, cheo de bandas, corais e grupos de toda índole. Por iso celebramos de forma moi especial este 17 de maio, efeméride que este ano, particularmente, nos fai sentir partícipes e concernidos”, segundo afirma o rexedor.
Publicidade
O Día das Letras Galegas coincide este ano co San Cidre, festividade que Cruces celebra desde hai máis de 50 anos, organizada pola Asociación Cultural Punteirolo en colaboración co Concello de Cruces. Hoxe, sábado, ás 18:30 horas, terá lugar o XIX Festival Folclórico, cunha tarde de música e baile coas actuacións na Praza do Concello da Agrupación Folklórica Almírez, de Rebollosa de Hita na provincia de Guadalajara; Vai Nela, da parroquia cruceña de Salgueiros; e a Asociación Cultural Punteirolo. Xa o domingo a festividade continuará pola mañá, cun pasarrúas ás 11:30 horas ata a Igrexa onte se oficiará unha misa solemne e a procesión na honra de San Cidre. Logo na Praza do Concello actuarán a Asociación Cultural Punteirolo e Amorodio Teatro.
Comments