O PSOE de Lalín pide activar no 2025 un “Bono Comercio” para fomentar o comercio local
- ecosdacomarca
- 20 dic 2024
- 3 Min. de lectura
Demanda que estea dotado dunha partida orzamentaria suficiente e nunca menor aos 50.000 euros
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín levará ao vindeiro pleno unha moción a través da cal solicita ao goberno local activar no ano 2025 un “Bono Comercio” dotado dunha partida orzamentaria suficiente e nunca menor aos 50.000 euros, coa que fomentar as compras no comercio local deste municipio.
O sector do comercio de proximidade constitúe, sinalan os socialistas, un eixo fundamental para a economía de Lalín. "Mostra diso son os 200 establecementos que temos no municipio, grazas aos que traballan moitos veciños e veciñas. Porén, desempeñan en moitas ocasións unha verdadeira función social, sendo elemento de desenvolvemento económico e factor de vertebración e fixación de poboación en zonas interiores e de territorio rural como é Lalín. Pero o pequeno comercio de proximidade arrastra anos de dificultade, motivados en parte polos novos hábitos de consumo e a competencia das grandes superficie e empresas de comercio dixital. A isto sumouse a crise da Covid-19 e, posteriormente o escenario de inflación provocado pola situación xeopolítica e os conflitos internacionais, que volveu afectar negativamente ao sector".

Actualmente apunta o PSOE "atopámonos nun escenario de forte recuperación e as Administracións deben apoiar e acompañar o tecido produtivo incentivando e fomentando o comercio de proximidade para reactivar a actividade económica de empresas e negocios locais. Por todo iso, o Concello de Lalín debe adoptar as medidas necesarias para minimizar o impacto da prolongada crise e tomar políticas activas que supoñan un revulsivo para o pequeno comercio. Unha das iniciativas propostas en numerosas ocasións polo propio Grupo Municipal Socialista e aprobada pola unanimidade do Pleno hai un ano, sen que o goberno local cumprise o compromiso de activala, consiste na posta en marcha dunha campaña específica de axuda ao comercio local mediante a posta en marcha dun “bono comercio” que incentive as compras nos establecementos da vila, especialmente en épocas como o Nadal".
Publicidade

O bono comercio tería contrastadas vantaxes que serían segundo os socialistas:
Fomentar as compras no pequeno comercio fortalece a economía local, xa que os ingresos quedan na contorna, xera emprego e apoia a familias e emprendedores que dependen directamente destes negocios. As iniciativas como os bonos comercio incentivan o consumo e permiten un impacto positivo inmediato nestes establecementos.
O comercio de proximidade contribúe a manter vivos e atractivos os centros urbanos, e iniciativas como o bono comercio estimulan o fluxo de persoas nestas áreas, beneficiando tanto aos negocios como á contorna cultural e social.
Comprar no comercio local reduce a pegada de carbono asociada ao transporte e fomenta relacións máis próximas entre consumidores e comerciantes, creando un tecido social máis cohesionado. Os bonos comercio son unha ferramenta eficaz para educar e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia destas prácticas.
Durante o Nadal, os pequenos comercios enfrontan a competencia desleal de grandes superficies e compras en liña. Os bonos comercio son unha medida estratéxica para equilibrar esta situación, ofrecendo aos cidadáns incentivos que os animen a elixir o comercio local para as súas compras do Nadal.
Este tipo de campañas son habituais e están tendo moito éxito noutras cidades e vilas, onde logran dar un novo impulso ao comercio local. O sistema proposto pode ser similar ao impulsado noutros municipios con gran éxito e pasaría por bonos cun importe cun custe do 50% para os usuarios, a gastar en establecementos adheridos á campaña.
Publicidade
"Esta iniciativa xerará un aforro moi relevante aos lalinenses, que poderán obter importantes descontos nas súas compras ao tempo que se incentiva o gasto e o consumo no noso tecido produtivo. Estas axudas serían moi ben recibidas tanto polos comerciantes, que verían inxectada unha importante partida económica nos seus negocios, como pola veciñanza, que aforraría nas súas compras, en especial nunha época de maior consumo como é o Nadal", subliña o PSOE.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Lalín somete ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordó:
1. Instar ao Goberno Municipal a activar no ano 2025 un “Bono Comercio” dotado dunha partida orzamentaria suficiente e nunca menor aos 50.000 euros, coa que fomentar as compras no noso comercio de proximidade e favorecer así a dinamización económica e social do Concello de Laín.
Comentários