O PSOE cualifica de “grave” a crise da auga en Lalín e reclama depurar responsabilidades
- ecosdacomarca

- hace 8 minutos
- 4 min de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín considera que o acontecido estes días co abastecemento municipal de auga constitúe un dos episodios máis graves na xestión dos servizos públicos municipais dos últimos anos.
Comunicado do PSOE de Lalín
"Por iso, unha vez coñecida a dimensión do sucedido, queremos apuntar as seguintes cuestións:
1. Desde o primeiro momento estivemos ao lado da veciñanza
Desde que comezaron os problemas, o Partido Socialista actuou con responsabilidade. Estivemos en contacto coa veciñanza, recollendo información das diferentes zonas afectadas, trasladando a información dispoñible e mantendo unha actitude responsable ante unha situación especialmente delicada. Tamén mantivemos a man tendida ao Goberno municipal porque, cando está en risco un servizo esencial, o primeiro é contribuír a resolver o problema. Pero exercer unha oposición responsable tamén significa fiscalizar a xestión cando algo falla desta maneira. E o sucedido é demasiado grave como para pasar páxina simplemente porque a auga comece a volver ás billas.

2. O Concello non pode agochar a súa responsabilidade detrás de Aquadeza
Aquadeza é a empresa concesionaria, pero o titular e responsable último do servizo público de abastecemento é o Concello de Lalín. Por iso resulta insuficiente que o goberno municipal trate agora de situarse como un simple espectador que pide un informe á concesionaria. O que os veciños teñen dereito a saber é que mecanismos de control exercía o Concello, quen supervisaba o funcionamento do servizo e como foi posible chegar ao desabastecemento sen que se actuase antes. Unha auditoría é necesaria e pode determinar as responsabilidades técnicas, pero non elimina as responsabilidades políticas pola supervisión dun servizo municipal esencial. Imos esixir que se depuren responsabilidades dentro do goberno local.
3. Un millón e medio de litros por riba do habitual e ninguén sabe explicar onde foron
O Concello recoñece un incremento extraordinario do consumo 1.500.000 litros adicionais sobre unha xornada habitual. Dous días despois seguimos sen saber onde se produciu ese consumo extraordinario. Iso é inadmisible. É o momento de dar resposta ás dúbidas de veciños/as. Claramente o sistema non funciona e o que máis nos preocupa é que poidan volver desaparecer nuns días 1,5 M de litros. Queremos coñecer onde foron eses 1.500 m³, a que horas se produciu o incremento, cando foi detectado, cando foi informado o Concello e que grandes consumos se rexistraron durante esas horas.
PUBLICIDADE
4. Ou non se detectou ou non se reaccionou. As dúas posibilidades son graves
Se un consumo extraordinario de 1,5 millóns de litros pode producirse sen que os sistemas permitan detectalo e reaccionar antes de que os depósitos cheguen a niveis críticos, o sistema de control fallou. E se foi detectado e non se actuou a tempo, fallou a resposta. Ou non se enteraron ou non reaccionaron. En calquera dos dous casos necesitamos saber que pasou, porque se non sabemos por que ocorreu, tampouco podemos saber se pode volver ocorrer mañá.
5. Xa advertimos en 2022 das carencias do novo contrato de abastecemento
Cando en 2022 se tramitou e adxudicou a nova concesión do servizo municipal de abastecemento e saneamento, o Partido Socialista non apoiou a adxudicación e advertiu das carencias dun contrato que ía determinar durante anos a xestión dun servizo absolutamente esencial para Lalín. Entre outras cuestións, reclamamos unha auditoría da rede de abastecemento, sistemas que permitisen monitorizar e detectar as perdas, unha maior dixitalización do servizo e a modernización das infraestruturas. Esas medidas non se incorporaron como reclamabamos. Agora vemos as consecuencias.
PUBLICIDADE
6. Quince horas de silencio cando a xente necesitaba información
Á crise da auga sumouse unha grave crise de información. Durante horas, os veciños e os negocios abrían as billas e non tiñan auga ou apenas tiñan presión. Mentres, o alcalde totalmente desaparecido e o Concello, tan áxil para publicar propaganda, permaneceu en silencio. Levamos tempo denunciándoo: as canles municipais non poden funcionar como escaparate propagandístico do Goberno e desaparecer cando realmente son necesarias como servizo público.
7. O rural, outra vez, en segundo plano
Numerosas zonas do rural sufriron tamén cortes ou problemas de abastecemento durante horas e a recuperación do servizo foi máis lenta que no casco urbano. Porén, o reparto de auga embotellada concentrouse no casco urbano. Queremos saber que alternativa se ofreceu ás persoas do rural que permaneceron sen abastecemento, especialmente ás persoas maiores ou con dificultades para desprazarse.
PUBLICIDADE
8. Lalín necesita novas políticas da auga
A seca deixou de ser unha situación excepcional. O cambio climático está facendo máis frecuentes os períodos prolongados sen precipitacións, as altas temperaturas e os episodios de estrés hídrico. Crespo segue respondendo cando o problema xa está enriba da mesa. O PSOE leva anos reclamando planificación: control e monitorización das perdas da rede, recuperación das traídas veciñais, mellora das reservas, planificación ante períodos de seca e unha política da auga adaptada á nova realidade climática. O Goberno do PP continúa priorizando outros investimentos, como os consistentes en desembolsos millonarios para mercar casas, mentres non existe unha resposta estrutural suficiente para un problema que se repite cada verán".









Comentarios