O PSOE celebra que o Concello de Lalín rectifique e instale a pantalla xigante para a final do Mundial
- ecosdacomarca

- hace 8 minutos
- 2 min de lectura
Lamenta que o goberno local descartase inicialmente a iniciativa dos socialistas por considerar que “prexudicaba á hostalaría, cando este tipo de eventos contribúen precisamente a dinamizar a vila"
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín celebra que o Concello decidise finalmente instalar unha pantalla xigante na Praza da Igrexa para que a veciñanza poida seguir este domingo a final do Mundial que disputará a selección española. Os socialistas lembran que foron eles quen solicitaron publicamente esta iniciativa hai apenas uns días, propoñendo que a pantalla se instalase xa para a semifinal fronte a Francia e que se mantivese tamén para a final no caso de que España lograse a clasificación.

Dende o PSOE lamentan que nun primeiro momento o alcalde, José Crespo, descartase a proposta ao considerar que “prexudicaría á hostalaría”. Pola contra, os socialistas sosteñen que este tipo de iniciativas dinamizan o centro da vila, favorecen o ambiente nas rúas e benefician tamén ao comercio e aos establecementos hostaleiros.
PUBLICIDADE
“Quen queira ver o partido nun bar seguirá facéndoo, pero tamén haberá moitas persoas e familias que, de non existir esta pantalla, o verían na casa e que agora poderán saír á rúa, compartir o ambiente e desfrutar xuntas dun acontecemento deportivo histórico”, sinalan.
PUBLICIDADE
O Grupo Socialista considera que a pantalla xa debería terse instalado para a semifinal, pero valora positivamente que o goberno municipal rectificase a súa posición inicial. “Estamos satisfeitos de que o Concello cambiase de criterio e aceptase unha proposta que pensamos que era positiva para Lalín. O importante é que a veciñanza poida gozar desta final xunta e que a Praza da Igrexa se converta nun punto de encontro para apoiar á nosa selección”, conclúen.
NOTICIA RELACIONADA:
O PSOE de Lalín pide instalar unha pantalla xigante na Praza da Igrexa para seguir a semifinal do mundial: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-psoe-de-lal%C3%ADn-pide-instalar-unha-pantalla-xigante-na-praza-da-igrexa-para-seguir-a-semifinal-do-mu








Comentarios