top of page

" O PP impide o debate europeo sobre Altri e a manipulación informativa na TVG", sinala Casares

O eurodeputado socialista acusa aos populares de “agochar temas incómodos e de aliarse coa extrema dereita para silenciar á cidadanía galega en Europa"


Ecos da Comarca/Xeral

O eurodeputado socialista lalinense Nicolás González Casares criticou con firmeza a decisión do Partido Popular Europeo, en alianza coa extrema dereita, de bloquear no Parlamento Europeo o debate sobre dous asuntos de enorme relevancia para Galicia: o proxecto industrial de Altri en Palas de Rei e a situación de manipulación informativa na Televisión de Galicia (TVG).

 

ree

Durante a sesión da Comisión de Peticións, os votos conservadores impediron que se tratasen dúas peticións presentadas por cidadáns galegos, a pesar de contar cos informes técnicos favorábeis e cumprir cos requisitos regulamentarios. Para González Casares, esta decisión responde a unha estratexia deliberada de censura: “O Partido Popular, en lugar de defender os intereses de Galicia, prefire tapar a boca da cidadanía e agochar temas incómodos, tanto sobre un proxecto industrial cheo de sombras como sobre unha televisión pública cada vez máis afastada do pluralismo e da liberdade de información”.

 

A petición sobre o proxecto de Altri foi defendida por Marta Gontá, voceira da Plataforma Ulloa Viva, que trasladou á Eurocámara a preocupación social xerada por unha iniciativa que, segundo explicou, “terá un impacto negativo na calidade de vida das comarcas de Ulloa, Terra de Melide e Deza”. E, pola súa banda, no caso da Televisión de Galicia, foi Santiago Alvite, presidente do Comité Intercentros da CRTVG, quen denunciou ante a Comisión a degradación progresiva do ente público. Alvite alertou de que “os servizos informativos designados pola súa dirección incumpren sistematicamente a obrigación legal de garantir a obxectividade, veracidade e pluralismo da información” e denuncia que o Goberno galego incumpre a Directiva 2010/13/UE (Directiva de Servizos de Medios Audiovisuais) ao non asegurar que os organismos reguladores actúen con imparcialidade e transparencia.

 

Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

González Casares cualificou de “indignante” que estas dúas peticións fosen silenciadas pola dereita europea. “O que aconteceu é moi grave. O PP non só ignora as preocupacións dos galegos e galegas, senón que se suma á extrema dereita para silenciar debates democráticos que deben producirse nas institucións europeas”, afirmou.

 

O eurodeputado advertiu que esta actitude “amosa unha deriva autoritaria moi preocupante” e apelou ao respecto institucional que merece Galicia. “A democracia tamén se defende permitindo o debate. Galicia merece transparencia, pluralismo e participación, non opacidade, manipulación e censura. E Europa ten a obriga de escoitar á súa cidadanía, tamén á galega”, concluíu.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page