"O PP está a favor de obras necesarias, pero non imos participar no circo do señor Taboada"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Grupo Municipal Popular de Vila de Cruces recibie "de forma moi “positiva” o anuncio por parte do señor alcalde do municipio, Luis Taboada, da convocatoria dun Pleno para acometer as mellores en varias vías da parroquia de Piloño, despois de que o noso portavoz, Jesús Otero, denunciase o deplorable estado das mesmas por falta de mantemento neste último ano atendendo as chamadas dos veciños cansos das falsas promesas do equipo de desgoberno municipal". E engade que nos "alegramos enormemente, polos veciños, que as nosas denuncias teñan este efecto. Seguiremos no mesmo camiño xa que parece a única forma para que este desgoberno actúe".

Ademais, sinala que se alegran "deste avance e cambio de actitude do equipo de desgoberno. Non entendemos as declaracións do señor Taboada cara ao noso grupo, debido a que son obras propostas e solicitadas por nós desde o ano 2020, como así se constatou. Igualmente, lembramos que a maiores destas obras en Piloño, o noso grupo, solicitáralle as do camiño de acceso á Igrexa de Portodemouros ou os camiños do lugar do Casal en Ferreirós entre outros e que seguen sen ser realizadas".
O Grupo Popular está a favor de actuacións e obras importantes e necesarias para a veciñanza, "pero o que non imos facer é de participar no circo do señor Taboada, debido a que lle queremos lembrar que para poder levar a Pleno estas obras debe de contar con todas as autorizacións sectoriais de: Augas de Galicia, Patrimonio, Informe de Supervisión Favorable por parte dun Técnico Funcionario e Certificación de Consignación Orzamentaria". E sinala que se todo isto o cumpre o proxecto, "teñan por seguro que terán ao grupo Popular a favor, pola contra, como é lóxico, se se incumpre esta normativa é innecesario que monte o seu circo nin venda fume debido a que non terá nin informe favorable de Secretaría nin do Pleno".
Ademais, apunta que "tamén queremos facerlle unha recomendación ao señor Taboada referente ao seu asesor de comunicación. E é que debe de cesalo de inmediato para evitar que siga mentindo de forma descarada no seu nome despois de cobrar mensuais e suculentas facturas do diñeiro público da vecinanza. Afirmamos isto porque acusa o noso grupo de non aprobarlle os orzamentos cando este desgoberno NUNCA levou ao pleno uns orzamentos para a súa aprobación no que levamos de lexislatura. Seguen MENTINDO aos veciños e veciñas do municipio de forma descarada e patética. En referencia á afirmación de que Vila de Cruces leva 20 anos de atraso nalgunhas infraestruturas, debemos sinalar, e seguro que o señor alcalde coincide connosco, que o único atraso para Vila de Cruces e o seu municipio son estes tres anos de desgoberno e abandono".
E recalca que "todos estes camiños que están para reparar, foron realizados polo noso grupo do mesmo xeito que todas as infraestruturas de calado que ten este municipio, infraestruturas que posicionaron, no seu día, ao noso municipio como líder comarcal, sendo dos primeiros, por exemplo, en ter unha residencia municipal para os nosos maiores ou unha gardería municipal cando nalgúns concellos de maior poboación están nos últimos anos conseguindo este servizo que xa case hai 20 anos que ten Vila de Cruces. Evidentemente, os camiños non son eternos e sofren o paso do tempo e da rodaxe dos vehículos e maquinaria pesada que por eles circula e, senón, que llo pregunten a vostede, que asfaltou camiños hai menos de dous anos e xa están esnaquizados", recrimina.
Denuncias públicas
"Xa que parece que desde o desgoberno e o seu alcalde empezan a escoitar as continuas denuncias públicas que desde o noso grupo estamos a facer para dar visibilidade ao completo desgoberno municipal no que está inmerso o municipio, queremos solicitar que leve tamén a este Pleno a reserva de dotación económica para a posta en marcha do Polígono Agroforestal de Aguillós, tan necesario para dinamizar a economía, a terminación do Centro de Día de Vila de Cruces para os nosos maiores, a traída de auga de Brandariz, o Saneamento Integral de Camanzo ou a distribución de auga de Brandariz- Añobre-Camanzo-Gres. Estas obras, para vostede, seguramente non sexan importantes para o desenvolvemento local do mesmo xeito que manter pechada a biblioteca municipal ou non ser capaces de solicitar a subvención para a mellora de acceso a internet nas aldeas, pero para o noso grupo si son importantes. Seguen mentindo descaradamente e xogando cos nosos profesionais da hostalería xa que lle queremos lembrar que desde a Xunta de Galicia, a través do Fondo de Cooperación Local, recibiron a cantidade de 123.877,20 euros que se podían destinar, nesa época, á loita contra a Covid-19 e os seus efectos adversos na economía, polo que se non axuda á hostalería é porque non lle dá a gana nin lle interesa. A este efecto querémoslle lembrar que desde o noso grupo e o noso portavoz, propuxemos varias veces a creación dun Fondo de Rescate Local dotado de 500.000 euros para axudar á hostalería, comercio e autónomos locais. Por vergoña, deixen de mentir", aconsella o PP.
"En definitiva, podemos asegurar, que visto o visto e tras unha lexislatura de parálise e desgoberno, numerosas obras de gran importancia para o municipio non poderán ser realizadas, obras como a traída de auga de Brandariz, o cemiterio municipal de Añobre, a posta en marcha do Polígono Agroforestal de Aguillós, a posta en marcha do Centro de Día de Vila de Cruces ou o Saneamento Integral de Camanzo. Para todas estas obras, o noso grupo deixoulle máis de dous millóns de euros nas arcas públicas, debido a que estaban planificadas por nós para levalas a cabo na presente lexislatura, e por tanto, tiveron tempo e recursos para xunto a outras administracións poder realizalas, pero tristemente, na actualidade, nin diñeiro nin infraestruturas necesarias para continuar co crecemento do municipio", recrimina o PP.
NOTICIA RELACIONADA:








Comentarios