"As rozas están a sacar á luz o mal estado das pistas en Vila de Cruces", afirma o alcalde
"É imposible solucionar en catro anos o que o goberno de Otero esnaquizou en máis de vinte", subliña o mandatario.
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Concello de Vila de Cruces asegura que as rozas están a sacar á luz o mal estado das pistas en Vila de Cruces. O alcalde, Luis Taboada, afirma que arranxar as pistas "está a ser moi laborioso ao levar décadas sen ningún tipo de acondicionamento".
"De todos é coñecido que desde que Taboada tomou as rendas do Consistorio fixo das rozas, do acondicionamento de pistas e da realización de sendas a súa máxima prioridade", incide o Concello. "Taboada foi firme nesta decisión a pesar das críticas e das mentiras vertidas pola oposición na súa xestión na labor das rozas, e as súas contratacións, con continuos agravios por parte da oposición á súa xestión. Mesmo se pode comprobar como nos plenos rexeitaron en varias ocasións a posibilidade de comprar maquinara máis moderna e actualizada para poder realizar este traballo máis rápido e mellor e non ter que pagar un alugueiro, algo que como menciona foi imposible porque a oposición ve nisto un gasto innecesario", recalca o equipo de goberno.

Durante este tempo que se estiveron realizando as rozas nas pistas, o rexedor, segundo indican, "comprobou que a maleza que cubría as pistas non deixaba ver a realidade das mesmas, unha realidade que non é outra que algunhas destas pistas están practicamente intransitables, algo que se pode ver a primeira ollada unha vez que se rozou a zona". Segundo Taboada isto "é porque durante décadas non se realizaron nestas pistas ningún tipo de actuación para o seu mantemento".
O equipo de goberno continuará co seu compromiso e unha vez rozadas, e comprobados os danos das mesmas, comezará a actuar para reparalas e volver facer que poidan volver ser transitables e seguras, aínda que pide paciencia a todos os cruceños e cruceñas. "É imposible solucionar en catro anos o que o goberno de Otero esnaquizou en máis de vinte", subliña o mandatario.
Estes días atópanse rozando pistas na parroquia de Bodaño.