O PP de Vila de Cruces reclama vivenda pública para este municipio
- ecosdacomarca
- 28 abr
- 2 Min. de lectura
"A inacción do goberno de Luís Taboada está levando ao noso Concello á beira da perda
de categoría”, recalcan os populares
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Grupo Municipal do Partido Popular de Vila de Cruces quere manifestar "a súa profunda preocupación pola inacción do actual goberno do alcalde Luís Taboada ante a alarmante caída de poboación que o noso municipio está a arrastrar nos últimos anos". "É inaceptábel que, ante esta grave situación demográfica, o goberno municipal non presente a mínima proposta para reverter esta tendencia. Nos últimos meses, estamos a movernos perigosamente cara abaixo dos 5.000 habitantes, o que suporía a perda de categoría para o noso municipio e que polos feitos o señor Taboada non lle importa absolutamente nada".

Desde o Partido Popular, sinalan que levan tempo propoñendo establecer un beneficio fiscal durante os primeiros cinco anos para aqueles que rehabiliten ou constrúan unha nova vivenda habitual en Vila de Cruces. "Esta medida favorecería a chegada de novos veciños e veciñas ao noso municipio. Mentres tanto, observamos como algúns municipios da comarca xa están a colaborar coa Xunta de Galicia para promocionar vivenda pública, facilitando así o acceso á vivenda para os mozos e mozas da nosa comunidade. Esta acción é esencial para acabar coa sangría demográfica que estamos a sufrir, mentres que o actual goberno municipal continúa queixándose e delegando responsabilidades, en lugar de tomar decisións concretas para afrontar o problema".
Publicidade
Dende o Partido Popular, cren que o Concello de Vila de Cruces "debería ofrecer á administración autonómica algúns dos solares dos que dispón en propiedade, como por exemplo, o solar xunto ao campo de feira, para promover a construción de vivendas de protección oficial para que os nosos mozos e mozas se queden no pobo. Se non se toman iniciativas, corremos o risco de que os nosos mozos e mozas se vaian a vivir como xa está a ocorrer a concellos limítrofes como Arzúa, Silleda ou Lalín por non ter vivenda pública no noso municipio".
E insisten os populares que "a situación actual de Vila de Cruces require unha resposta inmediata e decidida por parte do goberno municipal. A falta de acción non é unha opción, e é hora de que o alcalde Luís Taboada e o seu equipo deixen de lado a inacción e as queixas para adoptar medidas concretas que xeren oportunidades e deter a fuga de poboación. Desde o Partido Popular facemos un chamamento á colaboración e á proactividade, instando ao goberno a escoitar as nosas propostas e a traballar para garantir un futuro próspero para os nosos veciños e veciñas".
"O benestar do noso Concello e a conservación da categoría dependen de cada un de nós. Non podemos permitir que Vila de Cruces se converta nun recordo do pasado; é tempo de actuar e de construír un futuro no que todos desexen quedar a vivir no seu pobo o cal tamén repercutirá de maneira significativa no comercio local", conclúe o PP.
Comments