O ecoloxismo reclama incorporar a Infraestrutura Verde de Galicia na ampliación da Rede Natura 2000
- ecosdacomarca
- hace 9 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Outro ano máis, aproveitando a celebración do Día Europeo da Rede Natura 2000 e do Día Internacional da Diversidade Biolóxica, distintas asociacións ecolóxicas galegas reivindican a protección efectiva da biodiversidade a través dos espazos naturais protexidos. E, entre eles, subliñan a importancia das Zonas Especiais de Conservación e das Zonas de Especial Protección para as Aves, áreas imprescindibles para a creación da Rede Natura 2000.

Porque é imperativo para dar cumprimento ás directivas europeas de Hábitats e de Aves.
Porque é imprescindible para a biodiversidade europea no seu conxunto.
Porque é unha oportunidade para restaurar hábitats degradados.
Porque é positiva para o desenvolvemento rural.
Publicidade
"Así e todo, a nivel galego a RN2000 segue paralizada nun ridículo 12% da nosa terra. Non existe apenas conectividade entre espazos naturais, e as medidas necesarias para neutralizar impactos e ameazas non están a ser aplicadas. Este feito xerou non só un déficit importante na conservación dos hábitats naturais en Galicia, coa conseguinte perda dos servizos ecosistémicos asociados, senón que deu orixe a dous procedementos de infracción por parte da UE por ter incumprido as obrigas de ampliar a RN2000".
A destacar, a denominada “Infraestrutura Verde de Galicia” foi recentemente presentada coa vocación de crear “unha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos”. Ademais de incluír espazos xa protexidos (“zonas núcleo”), esta infraestrura identifica corredores ecolóxicos e zonas de amortecemento, que inclúen hábitats de interese comunitario e especies ameazadas e/ou protexidas. "Se poñemos no mapa unha selección dos tipos corredores máis importantes para a biodiversidade, ademais das zonas de amortecemento e núcleo, obteriamos unha interesante rede de espazos que podería funcionar como proposta de ampliación da RN2000 no territorio terrestre galego. Aliás, algúns dos límites destes novos espazos son coincidentes con propostas de ampliación da RN2000 en 2008 e 2011. Pasariamos a termos 830.182 hectáreas de territorio baixo o paraugas da RN2000, o que supón o 28% da parte terrestre galega. Sumado aos espazos naturais protexidos, poderiamos situarnos xa nunha porcentaxe de mínimos, se ben aceptable e esperanzadora", explican.
Publicidade
Para finalizar, e tal e como se sinalou o ano pasado, esta protección sinalan "debería ir da man dun correcto manexo dos espazos, apoiado en plans de xestión e unha vixilancia efectiva -con maior persoal- destas áreas protexidas. A restauración de hábitats naturais en todos os espazos protexidos da Rede Natura 2000, sexan Zonas Especiais de Conservación ou Zonas de Especial Protección para as Aves, debería ser tamén prioritaria, en liña co establecido no Regulamento de restauración da natureza que obriga aos estados da UE a restaurar como mínimo o 30 % dos hábitats en mal estado para 2030, o 60 % para 2040 e o 90 % para 2050".

Comments