top of page

O BNG de Lalín urxe accións para frear o xenocidio en curso en Palestina

Ecos da Comarca/Lalín

Francisco Xavier Vilariño Taboada, en calidade de portavoz do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Lalín , ao abeiro do estabelecido no Regulamento Orgánico do Pleno e da restante normativa aplicable, eleva ao Pleno da Corporación o seguinte un prego a través do cal urxe accións para frear o xenocidio en curso en Palestina.


“Petición urxente de axuda: Estamos morrendo. Os bombardeos israelís son implacables. As vítimas son as mulleres e os nenos. Non quedan lugares seguros. Sen comida, sen auga: a fame está espallándose rapidamente. Esta guerra en Gaza debe rematar. Por favor, fagamos que as nosas voces se escoiten antes de que o próximo ataque aéreo nos silencie”. Esta mensaxe, publicada o pasado 19 de maio en redes sociais, polo xornalista Anas Al-Sharif desde o campo de refuxiados/as de Jabalia e acompañada dunha foto dunha crianza palestina chorando de desesperación, expresa o alcance da catástrofe humanitaria que se padece na faixa de Gaza a causa das accións xenocidas perpetradas polo Estado sionista de Israel, lamentan os nacionalistas.


Só un día despois, o subsecretario xeral adxunto da Organización das Nacións Unidas (ONU) para asuntos humanitarios, Tom Fletcher, alertaba de que de non entrar axuda humanitaria, após máis de dous meses de criminal bloqueo por parte de Israel, 14 mil bebés morrerían en 48 horas. A propia Organización Mundial da Saúde (OMS) xa advertiu de que “se a situación persiste, agárdase que preto de 71 mil nenos e nenas menores de cinco anos sofran desnutrición aguda nos vindeiros 11 meses”.

Concentración en Lalín de apoio a Palestina meses atrás.
Concentración en Lalín de apoio a Palestina meses atrás.

"O Concello de Lalín, a nosa veciñanza, non podemos ficar indiferentes nin en silencio diante do alcance e consecuencias do xenocidio que está a desenvolver o Goberno de Israel contra da poboación palestina na faixa de Gaza, que xa provocou máis de 52.259 mortes das que máis de 15 mil foron nenos e nenas. Verificándose na práctica a advertencia lanzada polo secretario xeral das Nacións Unidas en novembro de 2023, poucas semanas despois do inicio da ofensiva militar, nas que alertaba de que Gaza estábase a converter nun “cemiterio de crianzas”".


Engádense, ademais, 117.416 persoas feridas e case 2 millóns de desprazadas á forza (o 90% da poboación). Aliás, 660 mil crianzas fican sen acceso á escola desde outubro de 2023. Tal e como recolle a Axencia de Nacións Unidas para as persoas refuxiadas de Palestina en Oriente Medio (UNRWA), máis dous terzos (o 69%) da Faixa de Gaza atópase en zonas de exclusión, baixo ordes de desprazamento activas ou ambas as dúas, sendo arredor de 420 mil persoas as que teñen sido, novamente, desprazadas á forza, desde que Israel rompeu o cesar-o-fogo.


O bloqueo imposto por Israel, non só impide o acceso de axuda humanitaria, senón que provoca deliberadamente escaseza e un inasumible aumento, de entre o 150% e o 700%, dos prezos de alimentos e produtos esenciais para a subsistencia. E a destrución xeneralizada e practicamente total de de vivendas e infraestrutura crítica xerou aproximadamente 50 millóns de toneladas de entullos.


"É por iso que de maneira reiterada moita cidadanía de Lalín ten expresado con rotundidade o seu masivo rexeitamento a esta agresión xenocida contra o pobo palestino que supón un claro crime contra a humanidade de acordo ao Dereito internacional, tal e como sostén de maneira inequívoca o primeiro fiscal xefe da Corte Penal Internacional, Luis Moreno Ocampo. A absoluta prioridade é lograr un cesar-o-fogo inmediato e incondicional dos ataques ordenados polo goberno israelí contra a faixa de Gaza, así como a urxente apertura de corredores humanitarios seguros para poder asistir á poboación palestina".


As Convencións de Xenebra de 1949 e os seus Protocolos Adicionais obrigan aos Estados a previr e sancionar o xenocidio e os crimes de guerra. Informes de organismos como a ONU (incluído o informe da relatora Francesca Albanese de novembro de 2024) documentan que Israel cometeu actos que poden cualificarse como xenocidio en Gaza, incluíndo ataques indiscriminados contra civís, bloqueo humanitario e desprazamento forzado. Ademais, o Tribunal Penal Internacional emitiu ordes de arresto contra altos cargos israelís por presuntos crimes de guerra e contra a humanidade, e a Corte Internacional de Xustiza (CIJ), (principal órgano xudicial da ONU), está a tramitar a denuncia contra o Estado de Israel por cargos de xenocidio polas súas accións na Faixa de Gaza.

Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"Por ese motivo, é hora de que a denominada Comunidade Internacional actúe para poñer fin ao masacre contra o pobo palestino e facer cumprir a Israel as distintas resolucións sobre os territorios ocupados que de xeito sistemático vén incumprindo (sen ningunha consecuencia) e garantir o dereito do pobo palestino a dispor do seu propio Estado libre e soberano, así como a efectivización do dereito ao retorno das e dos refuxiados palestinos ao seu país. Con ese obxectivo deben actuar o conxunto de institucións e administracións, tamén a nivel municipal, despregando accións concretas e firmes", subliña o BNG de Lalín-



Por todo o anterior, o Bloque Nacionalista Galego propón ao Pleno do Concello de Lalín a

adopción dos seguintes


ACORDOS:

1. Expresar en nome do Concello de Lalín o total rexeitamento e condena das accións xenocidas do Estado de Israel na faixa de Gaza e a demanda de paz e liberdade para o pobo palestino, esixindo o cumprimento das resolucións da ONU e do Dereito Internacional

Humanitario e garantindo o seu dereito a dispor do seu propio Estado libre e soberano.

2. Declarar persona non grata a Benjamin Netanyahu e a todas as persoas que fan

e/ou fixeron parte do seu gabinete gobernamental desde o 7 de outubro de 2023, pola súa

responsabilidade na catástrofe humanitaria provocada en Palestina.


3 Instar ao Goberno español a:

3.1 Efectivizar o embargo total de armas, acordado polo Congreso, contra o Estado de Israel e aplicar de maneira estrita os tratados e convencións ratificadas polo Estado español para garantir o Dereito Internacional Humanitario.

3.2 Aplicar a inmediata suspensión ou bloqueo de calquera tipo de relación comercial e a

ruptura de relacións diplomáticas co Estado xenocida, así como a apoiar de maneira activa as accións da Corte Internacional de Xustiza para que sexan xulgados os criminais de guerra e se poña fin á ocupación da Palestina.

3.3 Promover no seo da Unión Europea e a nivel internacional accións enérxicas para frear o xenocidio en curso na Palestina.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

4 Instar á Xunta de Galiza a:

4.1 Suspender calquera cooperación, directa ou indirecta e en calquera ámbito, co Goberno de Israel ou entidades dependentes deste.

4.2 Despregar no ámbito da Acción Exterior unha ofensiva para denunciar o xenocidio en curso en Gaza.

4.3 Suspender de maneira inmediata e resolver todos os contratos públicos da Xunta de

Galiza e os seus organismos e entidades dependentes con calquera empresa ligada, directa ou indirectamente, á industria militar e de defensa de Israel.

4.4 Colaborar no envío de axuda humanitaria para a atención da poboación palestina.


5 Instar ao Goberno municipal a:

5.1 Suspender calquera cooperación, directa ou indirecta e en calquera ámbito, co Goberno de Israel ou entidades dependentes deste.

5.2 Colaborar no envío de axuda humanitaria para a atención da poboación palestina.

Comments

Couldn’t Load Comments
It looks like there was a technical problem. Try reconnecting or refreshing the page.
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page