O PP de Rodeiro pedirá a Camiñas que no pleno dé explicacións pola perda de 180.000 euros do SAF
- ecosdacomarca

- hace 1 hora
- 3 min de lectura
Os populares reiteran que a situación "é inadmisible co 56% dos dependentes do municipio agardando por este servizo e que van ter que seguir en espera tras deixar pasar estes cartos da Xunta, que é algo que só lle sucede a 5 dos 313 concellos galegos”
Ecos da Comarca/Rodeiro
O grupo municipal do PP de Rodeiro anunciou onte que vai pedir, a través dunha moción no próximo pleno ordinario, a comparecencia do alcalde, José Luis Camiñas, "para que dé explicacións públicas pola perda de 180.000 euros ofertados pola Xunta de Galicia para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), xa que considera que se trata dunha grave neglixencia que aboca o servizo a unha situación “crítica”".

A voceira municipal, Cati Somoza, lembrou que o rexedor amagou "en varias ocasións ao longo deste mandato con traspasarlle o servizo á Xunta alegando que non se trata dunha competencia municipal –aínda que a lei recolle que a xestión do mesmo si que o é– e manifestou publicamente en varias ocasións durante todo o ano 2025 que era necesario que o Goberno galego incrementase o financiamento, polo que non se entende que mandase esta solicitude cando lle brindaron a oportunidade agás que forme parte dunha estratexia para rebentar o servizo desde dentro, tal e como insinou en varias ocasións”.
PUBLICIDADE
En todo caso, para os populares de Camba a actual situación é “inadmisible”, posto que o SAF de Rodeiro "atópase en franco deterioro, con problemas económicos coas traballadoras, cun 40% menos de fondos para os próximos tres anos en comparación cos demais concellos e co 56% dos dependentes do municipio agardando por este servizo, xa que están anotados na lista de agarda, e que van ter que seguir en espera despois de que o bipartito deixase pasar estes cartos da Xunta".
“Só 5 dos 313 concellos de Galicia non solicitaron este importante financiamento extra, polo que cremos que a veciñanza ten que recibir explicacións, pero é que ademais a situación do SAF vai empeorar pola perda destes cartos, así que cremos que a comparecencia é obrigada”, manifestou a concelleira popular. Cati Somoza considera que esta “clamorosa perda de fondos públicos” por parte do executivo de Camiñas enmárcase, en todo caso, "na liña de parálise que se ten detectado durante todo o mandato e que se agravou no último ano, na que o Concello non está a funcionar porque non se inician as obras, non se conseguen cartos, non se arranxan as pistas e todo está a monte, posiblemente porque a xestión dun Concello como Rodeiro supéralle totalmente a Camiñas”.
PUBLICIDADE
“No referido á perda dos 180.000 euros do SAF estamos ante unha situación de incapacidade ou de vagancia do alcalde, porque só había que remitirlle unha solicitude á Xunta, pero en todo caso é algo de enorme gravidade que merece respostas e, moi posiblemente, a depuración de responsabilidades políticas”, advertíu a voceira popular, que engadíu que na moción tamén lle esixirán ao goberno que se repoñan estes 180.000 euros de fondos propios “sacando os cartos das moitas partidas de chorradas e gastos superfluos”, ou ben de fondos conseguidos de otras administracións, "para non prexudicar a un servizo básico e que as decenas de dependentes que carecen de SAF poidan incorporarse como usuarios".
NOTICIAS RELACIONADAS:
O PP de Rodeiro esixe responsabilidades e explicacións "pola perda de 180.000 € para o SAF": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-rodeiro-esixe-responsabilidades-e-explicaci%C3%B3ns-pola-perda-de-180-000-para-o-saf
O Goberno de Rodeiro desminte as afirmacións do PP sobre o Servizo de Axuda no Fogar: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-goberno-de-rodeiro-desminte-as-afirmaci%C3%B3ns-do-pp-sobre-o-servizo-de-axuda-no-fogar
O PP de Rodeiro esixe ao goberno local que recupere con fondos propios os 180.000 euros para o SAF: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-rodeiro-esixe-ao-goberno-local-que-recupere-con-fondos-propios-os-180-000-euros-para-o-saf








Comentarios