O PP de Rodeiro esixe ao goberno local que recupere con fondos propios os 180.000 euros para o SAF
- ecosdacomarca

- hace 3 horas
- 2 min de lectura
Os populares aseguran "que o 56% dos dependentes sen este servizo están a ser rescatados exclusivamente polo Goberno galego grazas ao sistema de libranza"
Ecos da Comarca/Rodeiro
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de anunciar que vai esixir medidas ao goberno local de José Luis Camiñas para que "recupere con fondos propios os 180.000 euros perdidos para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que foron ofrecidos pola Xunta de Galicia e dos que non se vai beneficiar o Concello por ser un dos cinco municipios que non presentou a correspondente solicitude nunha actuación totalmente neglixente".

Os populares van reclamar que o executivo PSOE-UxR aumente a partida da Atención Domiciliaria neses 180.000 euros detraendo os cartos de onde considere, “que é algo que non debería ser moi difícil tendo en conta que despilfarran un montón de diñeiro público en cousas superfluas que non lle reportan nada á veciñanza”, ou incluso xestionando a consecución dos fondos doutras administracións.
“Non nos importa de onde consigan o diñeiro, pero é inadmisible que se lles furte esa cantidade tan importante aos nosos maiores, dependentes e ás persoas máis vulnerables e necesitadas de Rodeiro simplemente por unha cuestión de inutilidade ou vagancia que foi non mandar un papeliño no xeneroso prazo dun mes que lles concedeu a Xunta”, manifestou a voceira, Cati Somoza.
PUBLICIDADE
A concelleira do PP revelou "que o 56% das persoas dependentes do concello seguen sen este servizo e van ter que seguir sen el porque o goberno de Camiñas perdeu estes 180.000 euros, que eran fundamentais para desatascar a lista de agarda e incorporar novos usuarios”. Ademais, recalcou que, "efectivamente, están atendidos exclusivamente grazas á Xunta a través do sistema de libranza, pero salientou que todos eles prefiren adherirse ao SAF, xa que están anotados para iso, pero non poden porque o Concello deixou pasar unha oportunidade histórica”.
Cati Somoza lembrou que o despregamento deste sobrefinanciamento, que outorga un 40% máis de fondos a cada Concello, acadouse a nivel autonómico grazas a un acordo PP-PSOE plasmado nun convenio entre a Xunta e Fegamp, polo que non entende “a actitude de Camiñas, tanto por non adherirse a achega de máis diñeiro para un servizo básico de Rodeiro, como por non aliñarse cunha medida defendida polo seu propio partido”.
PUBLICIDADE
Para a concelleira, a perda deste diñeiro “é a situación máis grave deste mandato, xa que o bipartito deixa abandonada á xente máis necesitada de axuda do concello" e lamenta que, "semanas despois, o goberno de Camiñas sigan sen dar explicacións convincentes aos veciños e siga sen depurar responsabilidades políticas, porque está claro que aquí hai alguén que incumpríu de xeito grave co seu traballo e está desautorizado e deslexitimado para seguir representando e gobernando ao pobo de Rodeiro”.
NOTICIAS RELACIONADAS:
O PP de Rodeiro esixe responsabilidades e explicacións "pola perda de 180.000 € para o SAF": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-rodeiro-esixe-responsabilidades-e-explicaci%C3%B3ns-pola-perda-de-180-000-para-o-saf
O Goberno de Rodeiro desminte as afirmacións do PP sobre o Servizo de Axuda no Fogar: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-goberno-de-rodeiro-desminte-as-afirmaci%C3%B3ns-do-pp-sobre-o-servizo-de-axuda-no-fogar








Comentarios