O PP de Cruces reafírmase na súa denuncia "sobre a mala xestión dos servizos sociais municipais"
"O alcalde intentou desacreditar as nosas denuncias, porén, os feitos acontecidos son absolutamente certos e facilmente comprobables", sinala
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces quere reafirmarse en denunciar publicamente "a preocupante situación que están atravesando actualmente os Servizos Sociais municipais, unha situación que evidencia unha clara falta de planificación, organización e previsión por parte do actual goberno local". En resposta a nosa nota de prensa, sinala que o alcalde de Vila de Cruces "intentou desacreditar as denuncias realizadas polo Partido Popular acusándonos de “faltar deliberadamente á verdade”. Porén, os feitos acontecidos son absolutamente certos e facilmente comprobables".

O pasado venres, explica, un concelleiro do Partido Popular "contactou telefonicamente co Concello para solicitar simplemente o número de expediente da valoración do grao de dependencia da súa nai, recentemente amputada dunha perna. A resposta recibida foi clara: non había nin traballadora social nin persoal administrativo, e o departamento de Servizos Sociais atopábase sen atención. Ante esta situación, o luns tivo que desprazarse persoalmente ao Concello para solicitar copia do expediente. Unha vez alí, a propia educadora familiar comunicoulle que non estaban nin a traballadora social nin a administrativa e que regresase ao día seguinte. Ao preguntar se esta situación era habitual, a resposta recibida foi tan reveladora como preocupante: “é o que hai”".
Por iso, salientan os populares, "resulta absolutamente incomprensible que agora o alcalde pretenda negar a realidade e acusar ao Partido Popular de “terxiversar” uns feitos que foron sufridos directamente por un representante municipal no exercicio dun trámite totalmente normal que calquera veciño podería necesitar realizar. O verdadeiramente preocupante non é a polémica política que agora o goberno local intenta crear para desviar a atención. O preocupante é que un servizo tan sensible e esencial dependa constantemente de solucións improvisadas e quede sen capacidade real de atención ante ausencias puntuais de persoal".
PUBLICIDADE
Dende o Partido Popular sinalan que "queremos deixar claro que aquí non se cuestiona a
profesionalidade nin o traballo do persoal municipal, ao que mostramos todo o respecto. O problema é exclusivamente organizativo e político, derivado da incapacidade do goberno municipal para garantir unha estrutura suficientemente reforzada nun departamento fundamental para persoas maiores, dependentes e familias vulnerables".
O Partido Popular de Vila de Cruces lembra ademais a obrigatoriedade legal que teñen os concellos de garantir a adecuada prestación dos servizos sociais comunitarios básicos, dotándoos dos medios humanos e técnicos necesarios para ofrecer unha atención digna, eficaz e profesional. "Neste sentido, resulta necesario aclarar que non se pode confundir a unidade administrativa coas unidades técnicas de traballo social e educación familiar, xa
que cada unha desempeña funcións completamente distintas dentro da estrutura dos servizos sociais municipais".
E salienta que "o persoal administrativo realiza labores fundamentais de xestión e tramitación, pero iso non substitúe en ningún caso o traballo técnico e profesional dos traballadores sociais e educadores familiares, cuxa intervención resulta esencial para atender situacións de dependencia, emerxencia social ou vulnerabilidade. Por iso, pretender transmitir que o servizo funciona con normalidade simplemente porque existe persoal nalgunha dependencia municipal é intentar maquillar unha realidade que moitos usuarios levan tempo sufrindo. O propio goberno local recoñece que actualmente a cobertura do servizo se limita á presenza dunha técnica dous días á semana durante unhas horas pola tarde, algo claramente insuficiente para cubrir un departamento tan sensible e importante como os Servizos Sociais dun municipio coma Vila de Cruces".
PUBLICIDADE
Do mesmo xeito, subliña o PP, "non pode obviarse que o Concello dispón ademais dunha
residencia municipal que ata hai apenas uns meses contaba cunha dirección exercida por unha traballadora social propia do Concello, profesional que perfectamente podería contribuír a paliar as importantes carencias organizativas e técnicas que están atravesando actualmente os servizos sociais municipais. Resulta igualmente preocupante que, a día de hoxe, a propia residencia municipal careza tamén de dirección, agravando aínda máis a sensación de desorganización e falta de planificación que afectan aos distintos servizos asistenciais municipais. E mentres os veciños viven esta situación, resulta especialmente grave que no último pleno o goberno local pretendese subir o soldo á concelleira responsable desta área. Unha proposta que non saíu adiante grazas aos votos da oposición".
"Os cidadáns de Vila de Cruces merecen uns Servizos Sociais profesionais, estruturados e correctamente dotados, cunha atención continua e eficaz, especialmente nun ámbito tan sensible como é a atención ás persoas maiores, dependentes e familias con maiores necesidades. Dende o Partido Popular de Vila de Cruces seguiremos denunciando todas
aquelas situacións que prexudiquen aos veciños do noso concello, por moito que ao alcalde lle incomode escoitar a realidade".
NOTICIAS RELACIOANADAS:
O PP de Cruces denuncia "o deficiente funcionamento dos Servizo Sociais do Concello":https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-cruces-denuncia-o-deficiente-funcionamento-dos-servizo-sociais-do-concello
Taboada acusa o PP de “faltar deliberadamente á verdade” sobre os Servizos Sociais de Vila de Cruces: https://www.ecosdacomarca.com/post/taboada-acusa-o-pp-de-faltar-deliberadamente-%C3%A1-verdade-sobre-os-servizos-sociais-de-vila-de-cruces









Comentarios