O Concello impulsa "Lalín, moito máis do que parece", un programa de visitas guidas
A iniciativa desenvolverase todos os sábados de novembro cunha ruta monumental acompañada por guía oficial
Laura Moure/Lalín
A Concellería de Turismo de Lalín pon en marcha durante o mes de novembro o programa «Lalín, moito máis do que parece», unha nova iniciativa de visitas guiadas polo pobo coa que se pretende achegar á veciñanza e aos visitantes o patrimonio histórico, cultural e monumental de Lalín. A responsable municipal de Turismo, Begoña Blanco, concreta que a proposta se desenvolverá todos os sábados de novembro mediante unha ruta monumental acompañada por guía oficial. As visitas celebraranse o sábado 7 ás 17:00 horas; o sábado 14 ás 11:00 horas; o sábado 21 ás 17:00 horas e sábado 28 ás 11:00 horas.

O punto de encontro será a Praza do Camiño de Inverno, en Lalín de Arriba, onde comezará un percorrido que permitirá coñecer a evolución da vila a través dalgúns dos seus espazos máis representativos.
O itinerario partirá da orixe de Lalín, coa igrexa románica e o cruceiro de Lalín de Arriba, para continuar pola Rúa Monte Faro, Praza da Igrexa e Km 0 de Galicia. Desde alí, a visita proseguirá pola Casa de Álvaro, o Porquiño, a escultura de Laxeiro, o Museo Municipal Ramón María Aller, a escultura dedicada ao aviador Joaquín Loriga, o Concello vello (hoxe Biblioteca) e o Concello Novo. O percorrido permitirá abordar aspectos relacionados coa historia, a transformación urbana, a tradición, a gastronomía, a ciencia, a arte e a evolución institucional de Lalín.
PUBLICIDADE
As visitas estarán organizadas en grupos dun máximo de 15 persoas por grupo, co obxectivo de facilitar un percorrido próximo e unha atención adecuada por parte do guía. As inscricións deberán realizarse previamente na Oficina de Turismo e Atención ao Peregrino, situada na Casa de Álvaro, na Rúa Principal, 1, por teléfono no 666 43 04 58 ou a través do correo electrónico infoturismo@lalin.gal. Cada persoa poderá inscribir un máximo de cinco acompañantes.
PUBLICIDADE
Con «Lalín, moito máis do que parece», a Concellería de Turismo propón redescubrir o pobo a través dun percorrido que conecta os seus principais referentes históricos, artísticos, culturais e institucionais, ofrecendo unha visión conxunta da evolución de Lalín desde as súas orixes ata a actualidade.









Comentarios