O PP de Cruces denuncia "un despilfarro escandaloso do Goberno Local na festas da Piedade"
- ecosdacomarca
- 20 oct 2024
- 2 Min. de lectura
E lamenta "o trato desigual co resto das parroquias do concello que non recibiron nin un só euro de axuda" para os seus festexos
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces denuncia "o despilfarro escandaloso do Goberno Local, que está a malgastar diñeiro público mentres ignora as necesidades reais das distintas parroquias do concello. É intolerable que o actual equipo de goberno, dirixido polo alcalde, siga priorizando gastos superfluos en vez de atender as demandas dos veciños e vulnerando a equidade entre as parroquias do noso municipio".

Sinala que a súa moción presentada en xuño denunciaba "a concesión dunha subvención
encuberta do Grupo Pelepau á parroquia de Cruces para as súas festas sen contar o gasto das Bandas, mentres outras parroquias quedaban en total desamparo. Este ano, ao non ser ano electoral, o equipo de goberno eliminou as subvencións municipais para as festas patronais, evidenciando unha falta de coherencia e xustiza que resulta inaceptábel poñendo como escusa que había outros gastos mais importantes cas festas, a nosa sorpresa foi que esta subvención non foi máis que unha pequena parte do gasto do Concello para as festas da Piedade".
Recentemente, sinala, "na nosa labor de fiscalización, detectamos que o gasto por mor da celebración da festa da Piedade supuxo un descontrol sobre as arcas municipais, alcanzando a cifra alarmante de máis de 40.000 euros. Esta cifra ven acompañada de dúas facturas relacionadas coa actuación do Grupo La Guardia que ascende a case 30.000 euros así como a subvención do Grupo Pelepau de case 10.000 euros e máis o gasto das actuacións das Bandas de música; o que evidencia a falta de criterios razoables na asignación de recursos. Esta situación non é máis que a punta do iceberg dun goberno que gasta sen control e que ignora as necesidades do resto das parroquias".
No último pleno, apunta o PP, "o alcalde propuxo unha subida do imposto de bens inmobles, escudándose na necesidade de financiar o servizo a domicilio. Esta xustificación frívola non se sostén cando, ao mesmo tempo, se están a realizar gastos excesivos en festas que benefician a unha única parroquia. É unha burla para os veciños de Vila de Cruces, que xa están a sufrir as consecuencias dunha xestión desastrosa onde se retiraron as axudas as festas do municipio para dar todo o diñeiro a unha única parroquia".
Publicidade
"Desde o Partido Popular, esiximos que o alcalde e o seu equipo asuman a súa responsabilidade, pidan perdón e deixen de malgastar o diñeiro público en caprichos que non benefician a todo o municipio. Austeridade e bo uso dos recursos deben ser a norma, non a excepción. Non podemos permitir que a falta de seriedade e de compromiso na administración pública continúe prexudicando o noso municipio. Dende o noso Grupo Municipal estaremos vixiantes e seguiremos loitando por unha xestión responsable e transparente que priorice as necesidades de todos os veciños, sen excepción. O futuro de Vila de Cruces merece un goberno que actúe con dignidade, respeto e equidade cara aos seus veciños".
Commentaires