top of page

O PP de Agolada reclama destinar 90.000 euros do Plan+Provincia á remodelación do tanatorio

Carmen Seijas: “O tanatorio leva tempo esperando unha actuación e o Concello non pode seguir chegando tarde ás necesidades dos veciños”


Ecos da Comarca/Agolada

O Grupo Municipal do Partido Popular de Agolada reclama ao Goberno municipal que "deixe de adiar actuacións necesarias e aproveite os aproximadamente 90.000 euros que quedan dispoñibles do Plan +Provincia 2026 para acometer dunha vez a remodelación do Tanatorio Municipal".


Para os populares, a situación actual é tamén "consecuencia da falta de capacidade financeira do Concello, que se atopa nunha situación económica que limita gravemente a súa capacidade de actuación". A moción lembra "que Agolada ten unha débeda acumulada e está sometida ao mecanismo de apoio e control financeiro que condiciona o acceso aos fondos e obriga a recorrer ás liñas de cooperación doutras administracións".

A portavoz municipal do PP, Carmen Seijas, considera que “o Goberno municipal chega tarde e agora Agolada ten que pagar as consecuencias dunha situación económica que leva anos limitando a capacidade do Concello para facer investimentos”.


Seijas subliña que “cando un Concello ten problemas económicos e está sometido ao mecanismo de pago a provedores do Ministerio, como sucede en Agolada, a marxe de manobra é moito menor. Por iso resulta aínda máis importante planificar ben, reclamar axudas e aproveitar cada oportunidade de investimento que ofrecen outras administracións”.


Neste sentido, os populares poñen o foco en que a situación económica do Concello condicionou a utilización dos fondos do Plan +Provincia 2026. "O Concello solicitara 223.000 euros na Liña 2 para gastos correntes e pagamento de débeda, pero a súa situación de intervención económica fixo que a achega quedase limitada a aproximadamente 85.000 euros, deixando arredor de 138.000 euros dispoñibles para outras actuacións", salienta.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

“Chegamos a este punto porque o Concello non ten capacidade para utilizar os recursos como lle gustaría e porque a súa situación financeira está condicionando continuamente a xestión municipal”, afirma Seijas. “E precisamente por iso, se hai agora 90.000 euros dispoñibles, non podemos permitirnos que se perdan en actuacións menores ou que simplemente se deixe pasar o tempo”.


O PP lembra ademais que parte destes fondos, "concretamente 48.000 euros, están previstos para mellorar a accesibilidade do centro de saúde, despois de que o Goberno municipal non conseguise a subvención solicitada á Xunta para executar esas obras". “Non imos criticar que se invistan 48.000 euros en facer accesible o centro de saúde; o que criticamos é que o Goberno municipal non estea sendo capaz de anticiparse ás necesidades e conseguir financiamento suficiente para as actuacións que Agolada necesita”, sinala a portavoz popular.


“O tanatorio leva tempo esperando e o Goberno non pode seguir mirando para outro lado”

O Partido Popular lembra que xa levou anteriormente ao Pleno a situación do tanatorio municipal, advertindo das carencias das instalacións. A moción sinala problemas de accesibilidade, barreiras arquitectónicas e falta de espazo nas salas, ademais da ausencia de espazos suficientes para as persoas que acompañan ás familias durante os velorios. “Non é unha reivindicación nova. O PP xa advertiu desta situación e o Goberno municipal tivo tempo para actuar. Agora volve chegar tarde e só reaccionamos porque aparecen uns fondos que permiten facer a obra”, denuncia Seijas.


A portavoz popular considera especialmente grave que “un Concello que ten tan pouca capacidade de investimento non teña perfectamente identificadas as actuacións prioritarias e preparados os proxectos para poder aproveitar as axudas cando chegan”.


“Se temos unha situación económica complicada, a solución non pode ser resignarnos a non facer nada. Hai que ser máis eficientes, buscar financiamento, priorizar e ter os proxectos preparados. Iso é xestionar”, engade.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O PP reclama que os fondos vaian a unha actuación “urxente e necesaria”

A proposta popular defende que os aproximadamente 90.000 euros restantes se destinen integramente á remodelación do tanatorio, priorizando a eliminación das barreiras arquitectónicas, a mellora da accesibilidade, a redistribución ou ampliación dos espazos e a mellora das condicións das salas. “Estamos falando de aproveitar un recurso extraordinario para resolver unha necesidade real e coñecida. Non queremos máis escusas nin máis atrasos”, afirma Carmen Seijas.


O PP reclama tamén que o Goberno municipal redacte coa maior brevidade posible a memoria ou proxecto técnico das obras e realice os trámites administrativos necesarios para que a actuación poida ser licitada e executada dentro dos prazos do Plan +Provincia 2026. “Agolada non pode permitirse perder máis tempo. Xa chegamos tarde coa planificación e agora non podemos chegar tarde tamén á hora de executar”, conclúe Seijas. “Se hai aproximadamente 90.000 euros dispoñibles, o Goberno municipal ten que poñelos onde máis falta fan: nun Tanatorio que non reúne as condicións que merecen as familias de Agolada”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page