O PP cruceño "xa advertira que o proxecto da rúa do Cine estaba redactado antes de consultar á veciñanza"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O PP de Vila de Cruces sinala que "xa advertira que o proxecto da rúa do Cine
estaba redactado antes de consultar aos veciños. A recente sinatura do convenio coa Deputación confirma que existía un proxecto técnico cunha solución de circulación definida, tal e como advertimos en setembro, cando o goberno local cuestionaba de que proxecto estabamos a falar".

A recente sinatura do convenio coa Deputación de Pontevedra para financiar a humanización da rúa do Cine volve poñer de actualidade a polémica xurdida o pasado mes de setembro, cando desde o Partido Popular de Vila de Cruces denunciaron "que o goberno municipal convocara aos veciños e comerciantes para consultarlles sobre unha actuación que xa contaba cun proxecto técnico redactado e cunha solución de circulación previamente definida. Naquel momento, o goberno de Xuntos respondeu ás nosas críticas alegando que no pleno de maio unicamente se aprobara un convenio de colaboración coa
Deputación e non o proxecto, chegando mesmo a cuestionar de que proxecto estabamos a falar. Porén, a documentación técnica xa contemplaba unha actuación concreta para a
rúa do Cine, incluíndo a implantación dun sentido único de circulación nun dos seus tramos, así como a redistribución dos espazos destinados aos vehículos, ao estacionamento e aos peóns".
Unha cousa, explican os populares, "é que un proxecto non estea aprobado formalmente polo pleno e outra moi distinta que non exista. Precisamente iso era o que advertiamos en setembro. Non estabamos falando dun proxecto imaxinario nin inventando unha polémica,
senón dunha documentación técnica real que xa definía como se pretendía transformar a rúa. A reunión convocada posteriormente cos veciños e comerciantes acabou evidenciando a importancia de contar coa súa opinión desde o principio, xa que a maioría dos asistentes optou por manter o dobre sentido de circulación, fronte á solución de sentido único contemplada no proxecto".
PUBLICIDADE
O primeiro, apunta o PP, "que debería ter feito o goberno municipal foi precisamente o último que fixo: sentarse cos veciños e comerciantes, escoitar as súas necesidades, estudar as alternativas e, só despois, encargar a redacción do proxecto. En lugar de seguir esa orde, redactouse unha proposta técnica, avanzouse na tramitación do financiamento e só posteriormente se abriu unha consulta sobre unha cuestión tan importante como a circulación da rúa. Unha maneira de proceder que consideramos pouco acertada e que podería obrigar agora a modificar unha solución xa definida, coas consecuencias técnicas e administrativas que iso poida supoñer".
Desde o Partido Popular recalcan que "nunca cuestionamos a necesidade de humanizar a rúa do Cine nin o investimento previsto. Ao contrario, defendemos a mellora do espazo
público, a accesibilidade e a renovación dos servizos urbanos. O que cuestionamos é a falta de planificación dunha actuación que afecta directamente aos residentes, aos establecementos comerciais e ao funcionamento do centro urbano. Resulta especialmente significativo que, malia que na reunión de setembro os veciños e comerciantes se decantaron maioritariamente por manter o dobre sentido, a comunicación oficial da Deputación sobre a recente sinatura do convenio continúe describindo unha actuación con sentido único nun dos tramos da rúa. Por iso, consideramos necesario que o goberno municipal aclare como e cando se incorporará ao proxecto a alternativa escollida polos veciños e comerciantes, así como as posibles consecuencias que esa modificación poida ter na tramitación e execución das obras".
PUBLICIDADE
E insiste en que a documentación "confirma que as advertencias que realizamos en setembro tiñan fundamento. O debate nunca foi se o pleno aprobara ou non o proxecto, senón por que se convocaba aos veciños para decidir sobre unha solución de circulación
cando xa existía un documento técnico que contemplaba unha alternativa concreta. Non se trata de ter razón nunha polémica política, senón de evitar que a falta de planificación acabe provocando problemas, atrasos ou modificacións innecesarias nun investimento importante para Vila de Cruces. Reiteramos o noso apoio á humanización da rúa do Cine, pero insistimos en que as actuacións municipais deben planificarse contando desde o primeiro momento coas persoas directamente afectadas. Porque gobernar non consiste en redactar primeiro, tramitar despois e preguntar ao final. Gobernar tamén é escoitar, planificar e facer as cousas na orde correcta", conclúe o PP.
NOTICIAS RELACIONADAS:
O PP de Vila de Cruces denuncia "a improvisación do goberno" na Rúa do Cine: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-vila-de-cruces-denuncia-a-improvisaci%C3%B3n-do-goberno-na-r%C3%BAa-do-cine
A Deputación achega a Cruces 850.000€ para financiar ao 100% a humanización da Rúa do Cine: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-deputaci%C3%B3n-achega-a-cruces-850-000-para-financiar-ao-100-a-humanizaci%C3%B3n-da-r%C3%BAa-do-cine









Comentarios