top of page

O PP de Vila de Cruces denuncia "a improvisación do goberno" na Rúa do Cine

12 sept
3 min de lectura

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O PP de Vila de Cruces denuncia "a improvisación do goberno na Rúa do Cine". Lembra que "o proxecto presentado para obter o financiamento define unha ordenación concreta da rúa e considera incomprensible que o goberno consulte agora á veciñanza unha decisión que debía terse abordado previamente". "Desde o Partido Popular de Vila de Cruces consideramos que os últimos acontecementos arredor da humanización da Rúa do Cine confirman o que vimos denunciando desde o inicio: falta de planificación, ausencia de diálogo previo coa veciñanza e improvisación na xestión dunha das actuacións máis importantes previstas no núcleo urbano".


Valoramos, apunta, "positivamente que se escoite aos veciños e comerciantes. O que

cuestionamos é que esa participación se produza despois de redactar e presentar ante a Deputación un proxecto técnico para obter o financiamento da actuación. O que fixo agora o alcalde é precisamente o primeiro que debería ter feito: sentarse cos veciños e comerciantes, coñecer as súas necesidades e, a partir de aí, redactar o proxecto. Non se pode facer primeiro o proxecto, conseguir o financiamento e preguntar despois como queremos facer a rúa".

Desde o PP queren aclarar tamén que, efectivamente, o que se levou ao Pleno municipal foi o convenio de cofinanciamento coa Deputación e non a aprobación do proxecto técnico, precisión que non temos ningún inconveniente en realizar. "Porén, isto non cambia o fondo da cuestión: para solicitar a subvención foi necesario presentar previamente un proxecto técnico que foi obxecto de valoración para a concesión do financiamento".


E ese proxecto, sinala, "non deixa simplemente aberta para máis adiante a ordenación da

circulación, senón que define unha solución concreta. A propia memoria establece como obxectivo reducir o espazo destinado ao tráfico rodado e ampliar o destinado aos peóns, determinando expresamente que no tramo norte a vía será de sentido único, cunha banda de estacionamento nun lateral. A documentación gráfica confirma igualmente que o estado reformado foi proxectado cunha distribución concreta da plataforma, con beirarrúas, zona destinada ao tráfico rodado e estacionamento, establecendo seccións e

dimensións determinadas. Os detalles construtivos contemplan ademais beirarrúas superiores a 1,90 metros e unha banda de estacionamento de entre 2,25 e 2,40 metros".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"Nós non estamos entrando en decidir se é mellor un ou dous sentidos. Iso é precisamente o que había que falar cos veciños antes de redactar o proxecto. Se existían distintas alternativas e a opinión da veciñanza era determinante para escoller entre elas, non ten sentido presentar primeiro unha solución concreta e convocar despois unha reunión para preguntar cal prefiren", salientan os populares.


Así mesmo, dende o PP lembran que " xa advertimos anteriormente da falta de diálogo cos veciños, comerciantes e grupos da oposición nunha actuación que vai modificar de maneira importante unha das rúas do casco urbano. A reunión celebrada agora non fai máis que confirmar esa crítica: o diálogo chegou tarde, cando debería ter sido o punto de partida do proxecto. Lamentamos tamén que, ante unha crítica política lexítima sobre a xestión desta actuación, o goberno decidise responder desde o perfil institucional do Concello de Vila de Cruces, chegando a acusar ao Partido Popular de difundir información falsa. Na nosa publicación nunca afirmamos que asistise á reunión un concelleiro do PP; o que dixemos foi que desde o Partido Popular estivemos presentes, xa que á xuntanza acudiron persoas vinculadas ao noso partido".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

"Consideramos que o perfil institucional do Concello representa a todos os veciños

de Vila de Cruces e non debería empregarse como unha ferramenta de confrontación política coa oposición. Xuntos dispón das súas propias canles para responder ao Partido Popular sempre que o considere oportuno. Desde o Partido Popular témolo claro: primeiro hai que escoitar, despois consensuar e finalmente proxectar. Vila de Cruces necesita planificación e diálogo, non facer primeiro e preguntar despois".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page