top of page

Flores para os que seguen vivos en nós

hace 40 minutos
3 min de lectura

O 1 de novembro enche os cemiterios de cores, pero tamén nos invita a reflexionar sobre a importancia de manter vivo o recordo os 364 días e de valorar a quen aínda temos


Laura Moure/Xeral

Hai días no calendario que nos convidan a parar, a mirar atrás e a lembrar. O 1 de novembro é un deles. Coincidindo coa festividade de Todos os Santos, os cemiterios énchense de flores, as lápidas recobran a súa cor e milleiros de persoas regresan a eses lugares nos que repousan os seus seres queridos. Son visitas cargadas de emoción, de silencios, de bágoas ás veces e tamén de recordos que, por uns instantes, parecen devolvernos a quen xa non está.


Nas vilas e aldeas galegas, esta xornada mantén unha tradición profundamente arraigada. Familias enteiras achéganse aos cemiterios para limpar as sepulturas, colocar crisantemos, acender unha luz e dedicar uns minutos a quen formou parte das súas vidas.

Hai quen chega cun ramo de flores nas mans e quen leva consigo algo moito máis difícil de expresar: a ausencia dun pai, dunha nai, dunha parella, dun irmán, dun avó ou dunha amizade que deixou unha pegada imposible de borrar.


Cada tumba conta unha historia. Detrás de cada nome hai unha vida, unha familia, uns abrazos, unhas conversas, unhas ensinanzas e milleiros de momentos compartidos que o tempo non consegue levar por completo. Porque, aínda que a morte poña fin á presenza física, hai vínculos que permanecen vivos na memoria e no corazón de quen queda.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Pero esta xornada tamén nos deixa unha reflexión necesaria: por que esperamos ao 1 de novembro para lembrar con tanta intensidade a quen botamos de menos?


É certo que os cemiterios son lugares de encontro coa memoria, espazos nos que o silencio permite sentir máis preto a quen perdemos. Porén, o amor non debería depender dunha data marcada no calendario, nin a lembranza precisar dun ramo de flores para facerse presente.


Quizais deberiamos visitar máis veces os nosos defuntos, pero tamén aprender a recordalos alén dos cemiterios. Nunha canción que nos transporta a outra época, nunha receita que herdamos da avoa, nunha expresión que repetía o noso pai, nunha fotografía esquecida nun caixón ou nunha historia que volvemos contar arredor da mesa. Neses pequenos detalles tamén viven os que marcharon.


E, sobre todo, quizais deberiamos prestar máis atención aos que aínda están aquí. Ás persoas maiores que agardan unha visita, aos pais e nais cos que ás veces non falamos tanto como deberiamos, aos amigos aos que sempre lles dicimos que xa quedaremos outro día. Porque mentres temos a oportunidade de chamar, abrazar, escoitar ou dicir «quérote», aínda podemos converter o tempo compartido nun recordo que algún día nos acompañará.


A morte ensínanos, con toda a súa dureza, que nada é eterno e que moitas veces non somos conscientes do valor das cousas máis sinxelas ata que deixamos de telos ao noso alcance. Unha conversa cotiá, unha man que nos acaricia, unha voz que nos pregunta como estamos ou a presenza silenciosa de quen sempre estivo aí poden acabar converténdose nos recordos máis prezados.


Por iso, este 1 de novembro, entre flores e visitas, entre bágoas e sorrisos ao lembrar anécdotas, cómpre deterse un intre e pensar en todo aquilo que a rutina nos fai esquecer.

Lembremos os que xa non están, pero non agardemos a que falten para demostrarlles aos que seguen connosco o importantes que son.

PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Porque lembrar os nosos defuntos non consiste unicamente en acudir unha vez ao ano ao lugar onde descansan. Consiste en manter viva a súa memoria, transmitir o seu legado, falar deles sen medo á tristura e permitir que sigan formando parte da nosa vida, aínda que sexa doutra maneira.


Hoxe, os cemiterios volverán encherse de flores. Pero o verdadeiro recordo non quedará depositado sobre unha lápida, nin desaparecerá cando se marchiten os ramos. Permanecerá en cada persoa que os amou, nas historias que deixou e no lugar irrepetible que ocupou na súa vida.


Porque hai persoas que marchan, pero nunca deixan de acompañarnos. E hai lembranzas que non deberían ter un só día ao ano.


Posdata: Quérote, papá!

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page