Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Grupo Municipal do Partido Popular de Vila de Cruces, sinala que "ante a inoperancia do
actual goberno do Concello e do seu alcalde", quere manifestar a súa preocupación e a súa vontade de buscar alternativas para solicitar financiamento a través do "Plan Provincia Extraordinaria-Plan Extra" da Deputación de Pontevedra.

"Consideramos que é fundamental aproveitar as oportunidades que brinda este plan para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Por iso, propoñemos a presentación de varios proxectos estratéxicos que consideramos prioritarios para o desenvolvemento do noso municipio, os cales xa están redactados e están nas dependencias do Concello". Son os seguintes:
1. Saneamento integral das parroquias de Camanzo e Gres: "Unha actuación necesaria para garantir a saúde e o benestar dos nosos veciños, así como para preservar o medio ambiente".
2. Execución do Plan de Especial de Infraestruturas e Dotacións do Polígono Agroforestal de Aguillós: "Un paso importante para potenciar o desenvolvemento económico da nosa comarca e crear novas oportunidades de emprego".
3. Construción dunha piscina climatizada e ximnasio “Centro Social e Deportivo Sergio Iglesias Pazos” en Vila de Cruces: "Un proxecto que promoverá un estilo de vida saudable e ofrecerá á poboación un espazo para a práctica deportiva e o lecer".
Publicidade
"Instamos ao señor alcalde a deixar de lado os intereses particulares e a centrarse no futuro do noso municipio. É o momento de actuar e de tomar decisións que beneficien a todos os veciños do termo municipal". O Grupo Municipal do Partido Popular asegura que está disposto a apoiar estas iniciativas, sempre que se fagan de forma transparente e en pro do ben común e incluso se compromete a buscar financiación complementaria doutras administracións para estas actuacións dado que o importe das mesma supera a axuda do "Plan Provincia Extraordinaria-Plan Extra". "O Concello de Vila de Cruces non pode seguir proxectando unha imaxe de parálise e debe mirar ao futuro coa consecución de novas infraestruturas para o progreso do municipio".
Comments