Compostela acollerá mañá, día 13, un acto informativo sobre Altri e a mina de Touro
Ecos da Comarca/Touro
Santiago de Compostela acollerá mañá, xoves 13, un acto informativo para analizar e informar sobre a incidencia de Altri e a repertura da Mina de Cobre de Touro-O Pino en toda a conca do Ulla e na Ría de Arousa, tal e como informa a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non. Será ás 19 horas no Centro Social do Ensanche (R/ Frei Rosendo Salvado 14, Santiago de Compostela).

"Os proxectos de instalación da celulosa ALTRI, na Ulloa, e de reapertura da mina de Cobre, en Touro e O Pino, espertaron a alarma nas comarcas afectadas ao longo da conca do Ulla, na Ría de Arousa e, consecuentemente en toda Galicia, dando carácter primordial que esta ampla rexión ten para o medio ambiente e para economía mesma de todo o país. Tamén a comarca compostelá se verá moi seriamente afectada de materializarse estes proxectos. Compre, polo tanto, coñecer e analizar con rigor o impacto que semellantes iniciativas poden ter na saúde, na calidade de vida, e nas posibilidades de desenvolvemento sostible dun espazo natural, que ven sendo o corazón de Galicia pola súa ubicación, pola súa extensión e polo alto valor ecolóxico e económico das áreas afectadas. Coñecemento e rigor máis necesarios aínda ante a insuficiencia evidente de información oficial, a ausencia de transparencia das institucións, e a redución ou limitación das canles de intervención cidadán durante o proceso da avaliación dos proxectos", sinala a Plataforma.
Publicidade
No acto informativo participarán:
Lola Martínez, da Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non.
Xaquín Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA)
Lois Froiz, de Altri-Non Compostela.
Ademais, aproveitarase o encontro para informar tamén sobre a manifestación en defensa do mar e da nosa terra, na Pobra do Caramiñal, prevista para o día 22 deste mes.









Comentarios