top of page

Plataformas aseguran que "un informe da Xunta alerta de riscos irreversibles na Arousa pola Mina de Touro"

22 sept
5 min de lectura

A Consellería do Mar aclara que "o documento difundido non é un informe oficial deste departamento autonómico, xa que carece dos elementos máis básicos que

permitan acreditar a súa autoría e validez administrativa"


Ecos da Comarca/Touro/O Pino

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), apoiadas pola Plataforma Ulloa Viva exixen o peche definitivo do proxecto mineiro de Cobre San Rafael "que logo de coñecer o contido dun informe da Consellería do Mar que alerta dos riscos irreversíbeis para a Ría de Arousa e o sector acuícola". As tres plataformas compareceron hoxe en rolda de prensa en Carril para dar a coñecer o contido deste informe.


O documento da Xunta, afirman os colectivos, "recoñece que o beneficio económico actual da Ría de Arousa supera con creces o rendemento temporal do proxecto mineiro". Segundo os datos que recolle o propio informe, a economía do mar xera de xeito sostíbel máis de 106 millóns de euros ao ano e da sostén a miles de familias galegas, pola contra a mina pretende destruír o medio a cambio dun beneficio privado e pasaxeiro.

En rolda de prensa, a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non puxo o foco en que o valor socioeconómico real e permanente dos recursos da Ría de Arousa “é infinitamente superior á actividade extractiva pretendida, a cal poría en risco mortal un motor económico xa existente, rendible e estratéxico para Galicia”.


Porén advertiron desde a plataforma que o megaproxecto a ceo aberto que supón a reapertura da Mina de Touro-O Pino “pon en perigo o sector do marisqueo e a acuicultura na ría, os abastecementos de auga potable, a Rede Natura 2000 e o Camiño de Santiago”.


Informe demoledor contra a mina

O informe técnico que fixeron público hoxe as plataformas en rolda de prensa recomenda, tal e como indican os colectivos, "o peche definitivo da mina atendendo ao principio de precaución e denuncia que a empresa -Cobre San Rafael- omite o estudo de bioacumulación de metais pesados e as sinerxías contaminantes con outros proxectos como Altri". A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, denuncia que neste informe emitido pola Subdirección Xeral de Acuicultura da Consellería do Mar, "os técnicos confirman de xeito categórico as advertencias que a veciñanza leva anos denunciando". A plataforma veciñal reitera que a reactivación da mina de cobre a ceo aberto supón “un risco inasumíbel para os recursos naturais, o abastecemento de auga dos núcleos rurais e a economía do sector marisqueiro e acuícola de Galicia”.


O informe técnico salienta que "as augas residuais e as escorrentías da mina acabarían verténdose ao río Ulla e, en última instancia chegarían á Ría de Arousa, a máis importante de Galicia en produción acuícola". Dende a Plataforma Veciñal faise especial fincapé nunha das conclusións máis claras que se desprenden do informe: “o beneficio económico e social que a Ría de Arousa xa produce hoxe en día é enormemente superior a calquera promesa de riqueza temporal que promova a empresa mineira”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A Ría de Arousa acolle máis do 65% das bateas galegas e xera máis de 106 millóns de euros directos cada ano, constituíndo unha fonte de ingresos sostible, consolidada e repartida entre miles de familias do mar. Porén sinalan desde as plataformas que “resulta un despropósito poñer en xogo un sector produtivo permanente e vital para a economía galega a cambio dun proxecto extractivo privado con data de caducidade -17 anos- que deixará tras de si un rastro de contaminación e destrución”.


Os colectivos afirman que "no informe, desde a propia Consellería do Mar advírtese de que a emisión de residuos tóxicos, lixiviados e metais pesados durante os anos previstos de explotación pasará a formar parte da biota e nos sedimentos, causando danos irreversíbeis á saúde das especies comerciais (mexillón, ameixa, berberecho) e destruíndo o valor económico e biolóxico do medio mariño na zona".


Impacto nos abastecementos veciñais e no patrimonio

"O informe da propia Xunta tamén fai fincapé nas severas afeccións locais que provocará a mina no contorno de Touro e O Pino, como a perda de auga potable, xa que recoñece que a explotación mineira afectará gravemente ou fará desaparecer os mananciais que abastecen a núcleos rurais como Arinteiro, A Goleta, Torreis de Arriba ou a parroquia de Cebreiro. Tamén as voaduras de gran potencia e a contaminación do aire provocadas pola actividade mineira a diario xerarán partículas finas que comprometerán a vida vexetal, animal e a saúde do chan", recalcan os colectivos.


Tamén lembraron as plataformas en rolda de prensa os danos no patrimonio e no Camiño de Santiago, lembrando que os terreos da mina atópase no Camiño Francés -BIC e Patrimonio da Humanidade protexido pola UNESCO- "e afectará gravemente a xacementos arqueolóxicos e conxuntos etnográficos".


"Tamén o patrimonio natural da zona tería afectación coa reapertura da mina de Cobre San Rafael pola afección á Rede Natura 2000, xa que a mina impactará directamente na Zona de Especial Conservación (ZEC) Sistema Fluvial Ulla-Deza e en zonas protexidas de alta biodiversidade".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O documento da propia Xunta de Galicia denuncia, tal e como sinalan os colectivos anteriores, "que a promotora da mina de Touro-O Pino, Cobre San Rafael, utilizou cálculos puramente teóricos e non contemplou estudos sobre a bioacumulación de metais pesados nos seres vivos. Tampouco se avaliaron as sinerxías contaminantes e o efecto acumulativo negativo que tería a mina ao sumarse a outros proxectos industriais agresivos proxectados na cunca do Ulla, como a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei".


A Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino, a PDRA e a Plataforma Ulloa Viva exixiron en rolda de prensa “a cancelación definitiva” do proxecto que a Xunta de Galicia está a tramitar e que está pendente da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). “Atendendo ao principio de precaución que inclúe o propio informe da Consellería do Mar, exiximos á Xunta de Galicia a denegación definitiva da autorización ambiental e o peche e restauración dos terreos”, afirmaron.


Para a plataforma veciñal, o informe da Consellería do Mar “deixa sen argumentos á empresa promotora e demostra que este proxecto a ceo aberto é totalmente incompatible coa vida no rural e coa calidade das nosas augas”. Pero, sobre todo, puxeron o foco en que o resultado do informe técnico “evidencia que o beneficio económico que xa temos hoxe na Ría de Arousa é infinitamente maior e máis valioso que o beneficio pasaxeiro que din que vai traer a mina”.


As tres plataformas afirmaron que “non imos permitir que se destrúa o pan e o futuro de milleiros de familias do mar por satisfacer un interese privado e destrutivo".


Resposta da Consellería do Mar

A Consellería do Mar aclara que "o documento difundido polas plataformas deliberadamente contrarias ao proxecto mineiro de Touro non é, en absoluto, un informe

oficial deste departamento autonómico, xa que carece dos elementos máis básicos que

permitan acreditar a súa autoría e validez administrativa".


Trátase, apunta, "dunha serie de folios aos que se lle incorporou un membrete da Xunta de Galicia nos que non figura nin data, nin sinatura, nin identificación da persoa responsable da súa elaboración, polo que non existe ningunha base para atribuírlles o carácter de informe oficial da Consellería do Mar".


A Consellería respecta "o traballo e as posicións das organizacións e colectivos sociais, mais considera fundamental que o debate público sobre cuestións desta relevancia se

sustente en información contrastada, verificable e debidamente acreditada".


A Xunta considera, polo tanto, "que non se pode sustentar ningunha conclusión sobre a

posición da Consellería a partir duns folios destas características, que distan moito do

informe sobre este tema que manexa o departamento autonómico".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page