Arzúa lanza Tecendo Irmandade, un novo programa para crear espazos de encontro entre mulleres
A primeira actividade celebrarase o 26 de setembro cunha visita ao Castelo de Soutomaior e un roteiro por Redondela na que tamén participarán veciñas de Boimorto e Santiso
Laura Moure/Arzúa
A Área de Igualdade do Concello de Arzúa pon en marcha Tecendo Irmandade, un novo programa que nace a partir da experiencia de Tecendo Redes e das propostas recollidas nos encontros realizados coas participantes. A primeira saída terá lugar o sábado 26 de setembro e levará as participantes a Soutomaior e Redondela.

O prazo de inscrición xa está aberto, as prazas son limitadas e a actividade é totalmente gratuíta. As inscricións poden realizarse a través do formulario:
https://forms.gle/TcurXaGknfWmY4R28 Tamén é posible anotarse presencialmente na Casa das Mulleres de Arzúa.
A actividade inclúe transporte, entradas, xantar e todas as propostas previstas durante a xornada. O autobús sairá ás 10:00 horas da Casa das Mulleres de Arzúa, na rúa San Vicente, e o regreso está previsto para as 19:00 horas. Nesta primeira actividade tamén participarán mulleres de Boimorto e Santiso, no marco do convenio que estes concellos manteñen co Concello de Arzúa para o uso do Centro de Información ás Mulleres.
PUBLICIDADE
Tecendo Irmandade busca crear espazos nos que mulleres diversas poidan coñecerse, compartir experiencias e tecer novas relacións. O programa percorrerá diferentes lugares de Galicia tomando como fío condutor a vida e a obra de mulleres galegas de referencia.
María Vinyals e o Castelo de Soutomaior
A primeira saída estará dedicada a María Vinyals, escritora, intelectual e pioneira na defensa dos dereitos das mulleres, coñecida como a Marquesa Vermella.
PUBLICIDADE
Pola mañá realizarase unha visita ao Castelo de Soutomaior, ligado á súa vida, e un paseo polos seus xardíns, onde as participantes poderán coñecer tamén as camelias dedicadas a diferentes mulleres referentes de Galiza.
Despois do xantar, a actividade continuará en Redondela co roteiro urbano “As mulleres da vila. Da historia á memoria”, guiado pola investigadora Soledad Chayán e centrado en recuperar a historia de mulleres que quedaron fóra durante anos do relato local. A xornada rematará co obradoiro “Historias de vida. As mulleres da miña vila”.









Comentarios