top of page

O Museo Da Terra de Melide reitera a súa incorformidade pola actuación na ponte de Furelos

Esta semana volveu remitir unha comunicación ao técnico de Patrimonio e lamenta o pouco que conseguiu ata ao momento ao contar os traballos con todos os permisos


Laura Moure/Melide

O Museo Da Terra de Melide segue a mostrar o seu malestar e preocupación pola actuación que se está levando a cabo na Ponte Medieval de Furelos. De feito, esta mesma semana volveu poñerse en contacto co técnico de Patrimonio.


"Todo o mundo está contento. Frase literal que tivemos que escoita onte pola tardiña, en boca dun dos operarios da obra da Ponte medieval de Furelos, cando nos achegamos ata alí para ver como ían os traballos, e para comentarlles que aínda estaban sen limpar os rezumados de morteiro lavado, nos paramentos exteriores", aseguraba este mércores o Museo da Terra de Melide a través do seu perfil de Facebook. "Pois…, non, non todo o mundo está contento, e non hai inconvinte en volver explicar os motivos", subliña.

A actuación na ponte. Autor: Museo da Terra de Melide.

Así unha vez máis o museo aborda cales son as razóns polas que non está de acordo con esta actuación levada a cabo nun elemento patrimonial de Melide que ten tanta historia:

  1. Non se van reparar e atenuar os danos estruturais que aqueixan á integridade da Ponte: os tallamares e esporóns están case perdidos, polo que non están derivando os caudais adecuadamente. Hai perdas de aparello nos paramentos e amosan importantes fisuras. Algunhas doelas dos arcos están deslizadas, etc, etc.

  2. Optouse por tapar o empedrado orixinal da calzada, datado en tempos medievais, en vez de procurar a súa completa documentación e rexistro arqueolóxico (con limpeza manual, fotogrametría dixital, debuxo escalado e foto cenital mediante dron, en suma, o que se soe esixir nas actuación arqueolóxicas desta entidade), e tamén se desestimou a súa posta en valor, xustificándose en cuestións de seguridade de tránsito peonil (para que ninguén esvare ou torza un nocello).

  3. Empregáronse para a calzada e para os peitorís pedra allea ó noso dominio xeolóxico, galega iso si, pero propia da Galicia Oriental e non desta zona. Do mesmo xeito, as técnicas de chapacuña e de “rajuela” só son propias das áreas nas que existen rochas exfoliables ou laminares. Non se tivo en conta que existe unha cousa que se coñece coma “tipoloxías zonais”, que ten como premisa o respecto pola singularidade propia de áreas determinadas. É como se agora se opta por facer cubertas de lousa (pizarra) nas edificacións da aldea de Furelos, igrexa inclusive, sendo zona de histórica tradición de telleiras.

  4. Recrecéronse en demasía, e sobrecargáronse de peso os peitorís laterais, con nada menos que 40 toneladas de cuarcita para gañar cota respecto ó novo pavimento da calzada. Así pois optouse por darlle saída a dita cuarcita, que nun principio ían poñer de canto (verticalizada), e non por procurar optar por grandes chantas dispostas en plano, a xeito de sobrepenas, como aínda moitos de nós lembramos (existentes dende vello antes de que se refixeran os peitorís e se instalaran as desafortunadas albardillas de granito dispostas a dúas augas). O Museo amosoulles ós directores, e ós executores, as fotos de como eran, suxeríndolles que era o máis acaído e consonante coa técnica construtiva tradicional local.

  5. Construción dun miradoiro manifestamente innecesario na marxe sur do río, tendo en conta que dende dita marxe meridional, ou esquerda, a ponte é perfectamente visible dende todos os ángulos, e que pola contra lle ha restar algo de visibilidade ó estar tan próxima ó elemento. Un miradoiro claramente prescindible, que se ha trocar en terraza e en lugar de parada e merenda para peregrinos (e senón ó tempo!).


Dignificación do patrimonio comarcal

"Así pois, e certamente, non “todo o mundo está contento”, recalca o Museo quen lembra que o Centro de estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide comezou a súa dinámica de procurar a dignificación do patrimonio comarcal precisamente na propia Ponte de Furelos, aló polo ano 1979 para demandar a atención de Chamoso Lamas para que “Bellas Artes” actuara para evitar o colapso dun dos arcos, e a reparación de paramentos que foran obxecto de derrubes parciais. "E, certamente, as actuacións serodias, coma a do 2002 (que quedara paralizada e interrompida por inapropiada) nunca procuraron restablecer a imaxe pretérita do elemento, nin apostaron por poñer en valor todos e cada un dos seus elementos estruturais".


Ademais, informa que onte mesmo (polo martes) se lle remitiu unha nova comunicación ó técnico de Patrimonio que leva o expediente da obra, "para que polo menos non se diga que non se puxo en coñecemento".

"Absolutamente todos os pasos dados, dende o Museo, foron unicamente en pro da defensa e dignificación de tan relevante ben, unha das iconas do Patrimonio da Terra de Melide. Sempre se actuou directamente e dando a cara (nunca por detrás), e sempre acompañados de documentación fotográfica, escritos e de propostas en positivo (así pois detrás de cada queixa sempre houbo propostas, ideas, valoracións e comentarios). Certamente o resultado foi bastante pobre, só se deu conseguido que non se colocaran os remates dos peitorís en chapacuña vertical, como estaba previsto nun principio, pero pouco máis, porque como é ben sabido a actuación conta con todos os permisos e avais técnicos pertinentes (ou, o que é o dito, que cumpre a legalidade). Mais, e como colofón, non todo o mundo está (estamos) contentos", conclúe o museo.


NOTICIAS RELACIONADAS:

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page