top of page

"As obras na Ponte de Furelos non melloran", lamenta o Museo Da Terra de Melide

Asegura que se están incumprindo as medidas que se acordaron na reunión mantida cos executores da obra e en presencia de Patrimonio


Laura Moure/Melide

O Museo Da Terra de Melide lamenta a través das súas redes sociais que as obras na Ponte de Furelos non melloran. "Vendo como se están a materializar os traballos dos peitorís laterais da ponte pode comprenderse como a situación non dá mellorado satisfactoriamente e que as medidas que se acordaron na reunión mantida cos executores da obra, e en presencia de Patrimonio, non se están a cumprir", asegura.

Na reunión, sinala, acordouse colocar as pedras de plano, "postas de través ó desenvolvemento dos peitorís, cunha única fiada de pedra (e non con entre catro e cinco como leva agora), e deixando un lixeiro voo (tanto polo interior coma polo exterior), respecto á verticalidade dos propios peitorís, co gallo de que se vexa que se trata dunhas tampas de remate". Subliña que este incumprimento fóiselle notificado vía e-mail á Dirección Xeral de Patrimonio (tanto ó Servizo de Arquitectura coma ó do Camiño de Santiago). "En ambos casos non recibimos resposta, aínda a pesar de que na reunión estaban presentes dous técnicos de Patrimonio que foron testemuñas do acordado. En dita reunión quedouse igualmente en redactar un acta na que se incorporasen as alegacións das distintas partes, e a data de hoxe ó Museo non lle chegou nin sabe dela".

Obras na Ponte de Furelos. Autor: Museo Da Terra de Melide.

Así mesmo, recalca que na reunión falouse entre outras cousas que "o volume de pedra de cuarcita contratado para sobreelevar os peitorís acada un peso de 40 toneladas, supoñéndolle unha sobrecarga innecesaria a unha ponte que presenta patoloxías nos seus paramentos exteriores, e aínda así persevérase en colocar como sexa toda a pedra (alóctona ó dominio xeolóxico desta área xeográfica) para darlle saída ó material contratado e non ter que devolvela".

Por outra banda indica que "agora tampouco se están a coidar con esmero os acabados e dedúcese que hai presa por dar por pechado o asunto dunha vez por todas. Hai exceso de encintado, as pedras non gardan liña, o coroamento é a altibaixos e non se selecciona as pezas máis grandes para os remates (aínda que ben é certo que a pedra non é adecuada a ese fin)", incide. "En resumo, e por desgraza, esta non vai ser a derradeira vez que haxa que poñer o acento nesta controvertida actuación, na que pouco se da sacado de proveito: por riba de todo quen máis perde é o elemento patrimonial, socialmente non convence (aínda non lle escoitamos a ninguén que se amosara satisfeito) e ós promotores e avaliadores técnicos tampouco llelo escoitamos dicir. Do mesmo xeito, estes últimos son sabedores de que a actuación non vai contar co aplauso social, xa que a actuación non semella ser acorde á singularidade dunha ponte medieval, que xa foi obxecto de varias intervencións desafortunadas, ás que hai que engadirlle a actual", conclúe o museo.


NOTICIA RELACIONADA:


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page