top of page

O Museo Da Terra de Melide mostra a súa preocupación polos ensaios dos acabados da ponte de Furelos

Considera que as solucións non son apropiadas e transmitirallo ao Servizo do Camiño da Dirección Xeral de Patrimonio antes de que se materialice a obra


Laura Moure/Melide

O Museo Da Terra de Melide mostra a súa preocupación polos ensaios dos acabados da ponte de Furelos. "Hoxe puidemos comprobar persoalmente (xa que estaban apartadas as vallas metálicas que pechan a ponte medieval), que se están realizando ensaios para remates dos peitorís e da calzada. En ambos casos as solucións non son apropiadas, e polo tanto imos transmitir as nosas preocupacións ó Servizo do Camiño da Dirección Xeral de Patrimonio", apunta.

"No primeiro dos casos indicar que se está a simular o remate dos peitorís empregando laxes de esquisto colocadas de canto, cando orixinalmente a ponte contaba con remates de grandes chantos ou lousas, de feitura irregular e asentadas de plano. Aspecto que se pode ver nas fotos antigas que xa amosamos noutras ocasións. Aparte de non resultar estética, compre indicar que se trataría do emprego dunha pedra alóctona, que non pertence ó substrato xeolóxico da Terra de Melide (con dominio de anfibolitas e ultrabásicas)", explica. "Nas fotos antigas vese que o remate dos peitorís se traducen en sobrepenas feitas con pedras de bo tamaño, irregulares e asentadas de plano".


Por outro lado, sinalan que "o segundo aspecto é o ensaio que se plantexa na calzada, consistente en granito serrado disposto con derrame cara á espiña central do taboleiro. Non resulta comprensible esta solución, xa que a ponte medieval conserva lousas da calzada antiga, sendo estas de anfibolitas e cuarcitas de río moi rodadas nos cantos".


"Somos sabedores de que non se conserva o pavimento completo, pero si que se manteñen zonas bastante amplas, polo que se deberían integrar no acabado final, tendo en conta que posiblemente non volva contar con tránsito rodado. O Museo dende un principio aplaude a intervención na ponte, posto que son moitas as patoloxías estruturais existentes, pero considera que hai que manter os elementos conservados ata a actualidade nas mellores condicións posibles. Facemos esta entrada e a comunicación pertinente antes de que se materialice, sendo sempre preferible adiantarse antes de ter que lamentar unha desaxeitada intervención", recalca. "Agardemos que a Dirección de obra opte por reconsiderar o modelo de ensaio, posto que non se debera tapar o pavimento antigo, nin colocar unhas novas albardillas, aínda maís desafortunadas que as instaladas na década de 1990".

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page