O Miteco dá a razón a Ulloa Viva e sigue excluíndo Altri da planificación enerxética 2030
A Plataforma celebra a decisión do Estado e exixe á Xunta “a denegación” do proxecto da macrocelulosa
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva celebra que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) siga excluíndo Altri das conexións eléctricas previstas até 2030. Deste xeito o Miteco tivo en conta a alegación nese sentido presentada por Ulloa Viva o pasado mes de decembro de 2025.

Segundo a nova planificación feita pública polo Miteco, e as declaracións a respecto da Consellería de Economía da Xunta, queda fóra a zona central de Lugo, que conecta coa provincia da Coruña, e o enganche con Curtis, “unha zona moi industrial e que agora non está reforzada”, dixo a conselleira. Esa zona era na que se situaba a estación Rede Eléctrica Española (REE) a conexión coa liña 220 KV Mesón do Vento-Belesar, para o proxecto Gamma de Altri e recollida como demanda nas alegacións presentadas pola Xunta en decembro á planificación do Miteco.
Ulloa Viva celebra que o Miteco “manteña tal e como pediu a Plataforma nas súas alegacións, a exclusión do proxecto de Altri en Palas de Rei desta planificación”. Nas alegacións presentadas pola Plataforma recordábaselle ao Miteco que, segundo os datos da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), "a macrocelulosa produciría 400.000 toneladas de celulosa por ano e 200.000 de fibra téxtil, precisando un caudal diario de 46 millóns de litros de auga das que devolvería ao río Ulla 30 millóns de carácter residual. A maiores, habería que engadir que a fábrica emitiría un enorme volume de contaminantes aéreos, entre os que se inclúen gases con efecto invernadoiro". "Curiosamente, a empresa promotora omite noproxecto detallar estas emisións, entre elas as de CO2", salienta Ulloa Viva.
PUBLICIDADE
En canto ao consumo enerxético, a fábrica precisaría 110 MW de electricidade e 21.000 Nm3/h de gas natural como combustible do forno de cal e na caldeira para xeración de vapor. "Todo isto, acreditaría a utilización de combustibles fósiles nun volume elevado no proceso fabril, que foi precisamente un dos motivos polos que o proxecto Altri foi excluído da subvención solicitada pola promotora na liña de axudas do PERTE".
Para a Plataforma Ulloa Viva, tanto a carencia de AAI e PIE, como o enorme impacto ambiental desta industria, son contrarios aos criterios esixidos pola normativa e, polo tanto, imposibilitarían a inclusión do Proxecto Gama na planificación eléctrica do Miteco. Diante do anuncio da nova planificación feito o pasado venres polo Miteco Ulloa Viva “celebra” que o Goberno español manteña a Altri “fóra desta conexión que a empresa e a Xunta demandan”.
Cautela diante da insistencia da Xunta
A Plataforma Ulloa Viva “celebra” a decisión do Miteco pero “con cautela” de novo, xa que a propia conselleira de Economía da Xunta insistiu o venres en declaracións aos medios de comunicación que hai alegacións “non atendidas” na proposta do Ministerio que “esperamos sexan acollidas con axilidade nas modificacións puntuais da planificación”. De feito, Ulloa Viva tivo acceso ao documento das alegacións presentado pola Xunta de Galicia en decembro de 2025 no que aparece como primeira reivindicación esa subestación Mesón do Vento-Belesar coa motivación do Proxecto Gama (Altri).
Xa no proceso de alegacións a Plataforma advertiu diante do Miteco que as peticións da Xunta “non poden ser estimadas, dado que serían contrarias ao marco normativo de referencia”, neste caso a Lei de Cambio Climático e o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 (PNIEC) e Estratexia de Transición Xusta.
PUBLICIDADE
O Proxecto Gama “non se axusta ao PNIEC porque supón un relevante consumo de enerxías fósiles (gas natural) e de recursos (auga e electricidade), con grave afectación medioambiental e social, ademais de non contribuír aos obxectivos de descarbonización”, sinala a plataforma nas súas alegacións, entre outros argumentos.
Desde Ulloa Viva, diante do novo escenario aberto coa nova planificación enerxética anunciada esta semana polo Miteco á Xunta de Galicia, sinala que o seu equipo de legal “segue a traballar para deseñar a estratexia tanto administrativa como xurídica que poda derivar destas decisións políticas”. Na Plataforma insisten en que o obxectivo e a súa exixencia é “a denegación do proxecto da macrocelulosa de Altri” por parte da Xunta de Galicia, un obxectivo polo que “continuaremos traballando até onde sexa preciso e en todas as vías legais ao noso dispor”, afirman.









Comentarios