O meigallo do patrón no rural
- ecosdacomarca
- hace 2 horas
- 3 Min. de lectura
Artigo de opinión de Mario Vila, veciño de Dozón, sobre a situación actual do sector primario
Mario Vila/Dozón
Mario Vila envía este artigo de opinión titulado O meigallo do patrón no rural. O texto, tal e como resume o propio autor, analiza a situación actual do sector primario galego nun momento "de forte axitación, partindo dunha tese sociolóxica: a alienación ideolóxica do pequeno produtor". O artigo explora "como o discurso agroindustrial e conservador conseguiu que gandeiros e agricultores adopten unha "mentalidade de patrón" que os leva a defender modelos económicos que, paradoxalmente, son os responsables da súa propia ruína e da perda de soberanía alimentaria en Galiza".

"Considerei que este enfoque, que fuxe dos lugares comúns e sinala as contradicións da estrutura de poder no rural", recalca.
O meigallo do patrón no rural
"As estradas galegas volven encherse de tractores e fume, pero tras o ruído da protesta agóchase unha realidade moito máis silenciosa e dramática: a derrota da conciencia de clase no noso rural. O campo galego está atrapado nunha situación retrógrada, anulado por un discurso acaparador que conseguiu que o gandeiro que non chega a fin de mes defenda os intereses de quen o asfixia. É o que poderiamos definir como o meigallo do patrón.
Este meigallo non é casual. É o triunfo dun conservadorismo que leva décadas traballando para que o labrego galego deixe de identificarse como un traballador da terra e pase a verse como un "empresario agrícola" sen empresa. O agro galego caeu nunha trampa ideolóxica que o deixou sen voz propia, nun escenario onde o pequeno produtor deixou de
identificarse cos seus iguais para aparecer totalmente colonizado polas mesmas elites que o están devorando. É o triunfo dun espellismo que converte ao traballador no gardaespaldas do seu propio explotador.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O "agro-ilusionismo" das elites
En Galiza, este fenómeno mimetiza o que vemos noutras latitudes, como a estratexia de certos patronatos no Levante ou no sur. Alí, grandes corporacións axitan as masas contra a Unión Europea ou o acordo de Mercosur mentres elas mesmas posúen inmensas terras en África, producindo con custos de miseria para rebentar os prezos na orixe e despois
comercializalo como propio. Aquí, o meigallo funciona de xeito semellante: a industria e certas cúpulas cooperativas burocratizadas actúan como auténticas multinacionais que usan ao gandeiro de escudo humano para protexer as súas marxes de beneficio.
O pequeno produtor, convencido de que o seu único inimigo é a normativa ambiental ou "Bruselas", acaba defendendo a desregulación que só beneficia ao xigante. É a paradoxo absoluta: o labrego pobre galego cargando coa ruína con orgullo, defendendo a fe do patrón mentres o patrón baleira as nosas aldeas e deslocaliza a produción.
Publicidade
Un sector sen visión alternativa
O éxito deste discurso radica na anulación de calquera alternativa. O meigallo é tan fondo que o relevo xeracional moitas veces herda a mesma mentalidade aspiracional e individualista. Prefiren o colapso individual —o "sempre se fixo así"— antes que a soberanía
colectiva. Calquera proposta que fale de diversificación, de soberanía alimentaria ou de
romper coa dependencia das grandes industrias é tachada de "ideolóxica" por aqueles que xa teñen o pensamento totalmente colonizado pola ideoloxía do capital.
Publicidade
Romper o feitizo da dependencia
Galiza non pode permitirse un agro de "patróns pobres". Esa mentalidade é a que permite que a nosa terra se converta nun mero taboleiro para intereses foráneos sen que o valor engadido quede no noso territorio. O meigallo do patrón fainos crer que somos "donos"
cando só somos xestores de débedas.
Espertar deste letargo implica recoñecer que o inimigo non está en quen pide unha terra máis sa, senón en quen, desde o consello de administración, nos empuxa ao abismo mentres nos louva o "esforzo". Se o agro galego non rompe este meigallo, seguirá cargando coa súa propia cruz ata que a última luz de aldea se apague, convencidos, iso si, de que morreron defendendo un estatus que nunca foi seu".
Mario Vila, veciño de Dozón.




