top of page

Dorian, Dakidarría, Dulzaro, Cool Nenas, Dogo, Budiño, Ialma e MJ Pérez: na 51ª Festa do Queixo

Onte tivo lugar a presentación desta cita na que ademais de desvelar o cartel musical se deu todos os detalles desta celebración

Laura Moure/Arzúa

A 51ª edición da Festa do Queixo de Arzúa, que se celebrará os días 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo, presentou onte o seu cartel completo, consolidándose como unha das citas gastronómicas e culturais máis relevantes de Galicia, tanto polos seus datos de participación como pola ambiciosa programación musical e cultural.


Este ano, por segundo ano consecutivo, a organización bateu récord de solicitudes no recinto feiral interior, acadando a ocupación máxima tanto na planta baixa —con 90 stands dedicados ás queixerías— como na zona gourmet do primeiro andar, que medra de maneira significativa respecto a edicións anteriores. En total, 77 queixerías admitidas, 9 convidadas da Ruta Europea do Queixo e 4 stands institucionais conforman un espazo que reflicte o dinamismo e a fortaleza do sector queixeiro.

No exterior, rexistráronse máis de 215 solicitudes de postos de alimentación, foodtrucks, artesanía e multisectorial, a cifra máis alta da historia da festa, o que obrigará a ampliar o

percorrido da feira incorporando novas rúas para dar resposta á elevada demanda

mantendo os criterios de calidade e seguridade. A programación complétase ademais co

mercado da Deputación da Coruña A paisaxe que sabe, con 24 stands adicionais dedicados ao produto de proximidade.


Unha das grandes novidades desta edición será o reforzo das actividades gastronómicas e técnicas, un ámbito no que a Festa do Queixo dá este ano un salto cualitativo e cuantitativo respecto a edicións anteriores. A programación inclúe seis showcookings impulsados pola Deputación da Coruña, da man dos chefs Diego Mato e Iván Domínguez, con propostas creativas arredor do queixo Arzúa-Ulloa que achegan a alta cociña ao público xeral.

 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A esta oferta súmase unha programación específica desenvolvida xunto a Estrella Galicia, coa participación de José Luís Martín, mestre queixeiro, afinador e director de Gourmet

Quesos, que conducirá experiencias de afinados de queixo e maridaxes coas cervexas

1906, dirixidas tanto a profesionais como a persoas afeccionadas.


Ademais, a Festa do Queixo reforza a súa dimensión europea coa colaboración da Ruta

Europea do Queixo, que achegará actividades como charlas con cata, concursos

especializados e novas experiencias gastronómicas, entre as que destacan as

maridaxes de queixo con sake, unha proposta innovadora que amplía horizontes e

conecta tradición e vangarda. Trátase de actividades con prazas limitadas e alta demanda, que sitúan a Festa do Queixo de Arzúa nun nivel técnico e profesional moi elevado, consolidándoa non só como unha festa popular, senón tamén como un espazo de encontro e divulgación gastronómica de referencia.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Un dos grandes atractivos desta edición será o cartel musical, que combina nomes destacados da escena galega e estatal e reforza o carácter aberto, diverso e interxeracional da Festa do Queixo. O sábado 28 de febreiro subirán ao escenario artistas como Dorian, banda referente do indie e da electrónica estatal; Dakidarría, grupo galego cunha sólida traxectoria e forte compromiso social; Dulzaro, unha das grandes revelacións da música de raíz contemporánea; Cool Nenas, con pop electrónico e actitude urbana; e Dogo, completando unha xornada de concertos de acceso gratuíto.


O domingo 1 de marzo, a música continuará con actuacións de Budiño, un dos grandes nomes da música galega contemporánea; Ialma, que celebra o seu 25 aniversario sobre os

escenarios; e MJ Pérez, veciña de Arzúa, que aproveitará a cita para presentar o seu novo

disco nunha sesión vermú moi especial.


Durante a presentación do cartel, Daniel Moscoso, Concelleiro de Xuventude, destacou

que “a Festa do Queixo non medra por inercia, senón grazas á planificación, ao traballo

colectivo e ao respecto pola esencia que nos trouxo ata aquí. O cartel musical é unha

mostra clara da ambición cultural desta edición”.

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

A presentadora da festa, Lidia Veiga, quixo salientar o vínculo emocional coa cita: “É un

orgullo enorme ser de Arzúa e poder presentar a Festa do Queixo, e facelo ademais xunto

ao meu pai. Esta festa representa a nosa identidade e a maneira que temos de celebrar o

que somos”.

Pola súa banda, o alcalde de Arzúa, Xoan Xesús Carril, subliñou que “a Festa do Queixo é

moito máis ca unha feira gastronómica; é unha celebración colectiva que proxecta Arzúa

cara fóra, dinamiza a economía local e reforza o noso posicionamento cultural”.


En definitiva, a 51ª Festa do Queixo de Arzúa preséntase como unha edición histórica,

cunha programación que combina tradición, innovación, gastronomía e música, convertendo Arzúa durante tres días nun punto de encontro imprescindible para todos os públicos. NOS VINDEIROS DÍAS PUBLICAREMOS VÍDEO DA PRESENTACIÓN.





Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page