O lalinense Beltrán Rivas consegue ser dobre campión galego en sendas probas
- ecosdacomarca
- 27 feb
- 2 Min. de lectura
O atleta bateu o récord galego de salto de altura e conseguiu ser dobre campión nesta proba e en lanzamento de peso
Laura Moure/Deza
O Club Atletismo Deza segue a colleitar medallas en diferentes probas. Así, na pasada fin de semana, varios deportistas competiron no Campionato Galego Sub16 en pista cuberta, celebrado en Ourense. Nesta proba, o lalinense Beltrán Rivas conseguiu ser dobre campión galego, en salto de altura e lanzamento de peso. Ademais, Rivas bateu o récord galego de salto de altura e chegou a facer unha marca de 1,87 metros.

Na mesma proba estiveron León Feijoo, que mellorou as súas marcas persoais para obter un cuarto posto en triplo salto (11,72m) e décimo posto en 60 metros lisos, con 7:92. María Campos tamén mellorou a súa marca en 60 metros lisos (8,99) e participou nos 60 metros
valados. Valeria Pájaro quedou décima en salto de lonxitude e participou nos 60 metros valados. Finalmente, Xabier Salgueiro mellorou a súa marca de 1.000 metros lisos para deixala en 2:59
Dende o Club felicitan a estes atletas por todo o traballo constante que realizan para chegar a un campionato e colleitar tan bos resultados: “Cinco atletas disciplinados e traballadores que representan á perfección o espírito e valores da nosa escola”, destaca o adestrador, Nacho Castro.
Por outra banda, o Atletismo Deza tamén estivo presente no Campionato de España, celebrado en Durango (Vizcaya, País Vasco). Nesta ocasión, un dos fundadores e adestrador do Club, Pepe Domínguez, conseguiu a prata en lanzamento de xavelina. Domínguez lanzou 40,73 metros que foron os que lle permitiron acadar o segundo posto.
Comments