top of page

A Banda de Música de Silleda acada o segundo premio no Certame Galego de Bandas

hace 12 minutos
2 min de lectura

Laura Moure/Silleda

A Banda de Música Municipal de Silleda, dirixida por Rafa Agulló, acadou o segundo premio na primeira sección do XIX Certame Galego de Bandas de Música, celebrado esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra. A agrupación silledense obtivo 95,53 puntos, situándose por detrás da Banda Unión Musical de Meaño, que conseguiu o primeiro posto con 98,30 puntos.


Para esta edición, a banda de Silleda preparou un repertorio composto polas obras Mediterráneo, de Juan Alborch Miñana; O mar dos ausentes, de Álvaro Cámara López; Sinfonía n.º 2 De la Mar, de Martínez Gallego, e Bicos do mar, de León Durán.

Precisamente, a interpretación desta última obra valeulle á formación silledense o premio á mellor interpretación dunha peza de autoría ou temática galega, un recoñecemento que pon en valor a súa contribución á difusión da música vinculada a Galicia.


Declaracións da banda

A formación silledense fixo estas declaracións a través das súas redes sociais:

"Aínda seguimos emocionados polo vivido onte no Pazo da Cultura de Pontevedra. Despois duns meses tan intesos, e unha vez rematado este proxecto, toca facer balance e dar as grazas. Primeiro queremos felicitar a tódalas bandas participantes, e especialmente a aquelas coas que compartimos sección, a Banda Cultural de Salceda e a BANDA UNIÓN MUSICAL DE MEAÑO, por amosar un altísimo nivel, reflectido no só nas puntuacións, senón tamén nos aplausos dun pazo ateigado. Sen dúbida foi unha tarde inesquecible da que desfrutar e aprender moito.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

E logo, das as grazas primeiro a tódolos músicos e familias por tanta implicación durante tantos meses, adicando á banda moitas e moitas horas, co único fin de sumar a un proxecto común.


Á directiva por tanto traballo organizando algo tan complexo que implica a tanta xente.

Ao Concello de Silleda por todo o apoio amosado día tras día.


A todos/as que nos acompañastes onte enchendo o Pazo da Cultura e dándonos azos desde o primeiro ata o último minuto. Sen dúbida que Silleda é pobo e música!


Á Federación Galega de Bandas de Música Populares pola organización deste Certame no que durante unha fin de semana se pode escoitar tanta e tan boa música.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Pero por riba de todo, temos que dar as grazas a Rafa Agulló Albors, o noso mestre, por ensinarnos tanto, traballar tanto e facernos ver a música dun xeito especial e máxico. Por facernos ver cada nota como a máis importante, cada persoa como imprescindible, e o grupo como principio e fin de todo. Sen dúbida somos diferentes despois deste proxecto, e iso é grazas a ti!


Continuamos singradura neste presente marabilloso!"


O certame, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, reuniu durante os días 10 e 11 de outubro un total de 17 agrupacións galegas e portuguesas, con arredor de 1.000 músicos participantes. Cabe mencionar que a Banda de Música Municipal de Agolada recibiu outro segundo premio: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-banda-de-m%C3%BAsica-municipal-de-agolada-acada-un-segundo-posto-no-certame-galego-de-bandas



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page