top of page

Lalín actualizará a colección do Museo Ramón María Aller con novos elementos expositivos

hace 39 minutos
3 min de lectura

A incorporación dunha vitrina museográfica e dun módulo acristalado e a produción de novas cápsulas informativas forman parte das actuacións vinculadas á subvención da Xunta de Galicia para centros museísticos


Laura Moure/Lalín

A Xunta de Goberno Local de Lalín aprobou a adxudicación de tres contratos destinados á mellora, actualización e divulgación da colección permanente do Museo Municipal Ramón María Aller, por un importe global de 6.300 euros. As actuacións están vinculadas á subvención concedida pola Xunta de Galicia para centros museísticos e permitirán incorporar unha nova vitrina museográfica, un módulo expositivo acristalado e novas cápsulas audiovisuais para difundir os fondos e contidos do museo

Unha das actuacións consiste na subministración dunha vitrina museográfica con iluminación LED e no asesoramento técnico especializado para a súa configuración. A nova vitrina permitirá adaptar e renovar parte da colección permanente e expoñer nunhas óptimas condicións fondos de especialización científica relacionados con Ramón María Aller Ulloa, a astronomía e a ciencia. O asesoramento técnico permitirá, ademais, configurar o novo espazo expositivo atendendo ás características específicas das pezas e aos contidos que se pretenden divulgar.


Cómpre ter en conta que o Museo Ramón María Aller é un referente cultural e patrimonial lalinense que reflicte a riqueza histórica, científica e artística da Comarca. Conta con coleccións permanentes que inclúen obras de don Ramón Aller e Laxeiro e acolle exposicións temporais de gran relevancia que permiten difundir o patrimonio artístico do pobo. Ademais das coleccións permanentes, o Museo organiza outras exposicións, actividades educativas, obradoiros e programas culturais destinados a diferentes públicos, converténdose nun eixo central de transmisión de coñecemento e valorización

artística.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A colección do Museo é un concepto vivo, xa que cada ano se modifica segundo diferentes cuestións como avances na investigación das figuras ás que está dedicado, novos elementos froito de doazóns, repercusión dalgún aspecto científico en concreto, como aconteceu neste 2026 coa eclipse total solar. Para adaptarse a estes cambios e renovar os seus contidos e para achegarlle a exposición ao público e a súa variedade de fondos é preciso contratar unha vitrina museográfica e incluír o asesoramento técnico preciso.


Outra das actuacións aprobadas consiste na subministración e instalación dun módulo expositivo acristalado. Este elemento permitirá actualizar a sección dedicada aos científicos en Lalín, incorporar novos materiais ao discurso museográfico e mellorar a súa presentación ao público para responder ás necesidades de actualización permanente da colección. Consiste na instalación dun módulo acristalado secundario de dimensións estandarizadas que permitirá actualizar as seccións dedicadas aos científicos lalinenses.


A terceira das actuacións consiste na produción e deseño de contidos audiovisuais para o Museo, mediante a realización de pequenas cápsulas divulgativas sobre a súa colección.

Estas pezas estarán destinadas principalmente á súa difusión a través das redes sociais do museo e permitirán divulgar dun xeito breve e accesible a figura e o legado de Ramón María Aller, os fondos que conserva o centro e a nova disposición da colección permanente relacionada tanto co científico lalinense como coa sección dedicada aos científicos en Lalín. A creación de pezas audiovisuais breves permitirá presentar de maneira atractiva e accesible diferentes aspectos das coleccións, exposicións, actividades e contidos do Museo.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Con estas actuacións, o Concello continúa avanzando na renovación e modernización dos recursos expositivos do Museo Ramón María Aller, mellorando as condicións de presentación e conservación dos seus fondos e reforzando, ao mesmo tempo, a súa divulgación a través das novas canles dixitais.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page