O incendio da parroquia silledense de Oleiros podería superar xa as 50 hectáreas
Laura Moure/Silleda
O incendio forestal declarado na noite de onte na parroquia de Oleiros evoluciona favorablemente, tal e como informou a primeira hora da tarde o Concello, aínda que a última hora desta mañá continuaba sen estar estabilizado. Os efectivos despregados traballaban durante a mañá na liquidación do perímetro e nas tarefas de refresco da zona afectada, integrada fundamentalmente por monte raso.

No operativo de extinción participan 3 helicópteros, 3 avionetas, 3 bulldozers, 7 motobombas, 2 nodrizas, 6 axentes forestais e 7 brigadas, ademais da enxeñeira técnica xefa do distrito forestal.
PUBLICIDADE
Polo momento aínda non existe unha estimación definitiva da superficie afectada, xa que a zona non está completamente perimetrada. Desde a Xunta de Galicia advírtese, non obstante, de que o lume podería ter superado xa as 50 hectáreas.
Tamén se descoñecen neste momento as causas do incendio. Segundo a información trasladada ao Concello, aínda non existe unha primeira valoración que permita abrir a correspondente investigación sobre a orixe do lume.
PUBLICIDADE
O Concello de Silleda continúa facendo seguimento da evolución do incendio e agradece o intenso traballo que están a desenvolver todos os efectivos mobilizados desde a pasada noite para controlar e extinguir o lume.
PUBLICIDADE
O incendio afecta ademais á contorna de Castro Montaz, onde se localizan elementos de interese arqueolóxico, polo que unha vez extinguido o lume será necesario comprobar tamén o posible grao de afectación ao patrimonio existente na zona.
NOTICIA RELACIONADA:
Un lume forestal afecta á parroquia silledense de Oleiros: https://www.ecosdacomarca.com/post/un-lume-forestal-afecta-%C3%A1-parroquia-silledense-de-oleiros










Comentarios