O Centro TIC de Cortegada leva o nome de Carlos Fondevila López
Silleda homenaxea ao que foi presidente da Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada falecido en 2020 e un dos principais impulsores da recuperación da antiga escola
Laura Moure/Silleda
O Centro TIC de Cortegada leva desde onte o nome de Carlos Fondevila López, o que foi presidente da Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada (AVECUCO) e unha das persoas que máis se implicou na recuperación da antiga escola da parroquia. A nova denominación deuse a coñecer onte durante o acto de inauguración das instalacións, nunha sorpresa que o Concello e a asociación veciñal mantiveron ata a parte final da celebración e que serviu para lembrar a figura, o compromiso e o traballo desenvolvido por Carlos Fondevila en favor da súa parroquia.
Fondevila faleceu o 16 de setembro de 2020, aos 49 anos. Ademais de presidir AVECUCO, foi durante anos unha persoa moi activa no movemento veciñal e en
distintas iniciativas sociais.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, foi a encargada de anunciar durante a inauguración que o novo equipamento leva o seu nome, antes de dar paso a un dos momentos máis emotivos da xornada: o descubrimento da placa do Centro TIC Carlos Fondevila López por parte de Belén Calvo, viúva de Carlos e actual presidenta de AVECUCO xunto con outros membros da familia.
Un proxecto que Carlos contribuíu a impulsar
A elección do nome está directamente vinculada coa historia da recuperación da antiga escola, un proxecto no que Carlos Fondevila se implicou persoalmente como presidente da asociación veciñal. Xa no ano 2018, AVECUCO encargou ao historiador Daniel González Alén un informe sobre a parroquia e o antigo edificio escolar co obxectivo de solicitar axudas para a súa rehabilitación e recuperación para usos sociais.
PUBLICIDADE
Un ano máis tarde, en outubro de 2019, Carlos Fondevila participou, xunto co daquela alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, nunha reunión en Santiago co subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural de AGADER para abordar precisamente o proxecto de recuperación da antiga escola e estudar as posibilidades de financiamento.
O Concello quere así que o nome de Carlos quede unido para sempre a un edificio polo que traballou e que, anos despois, volve abrir as súas portas. “Carlos foi unha persoa profundamente comprometida coa súa parroquia e este edificio representa moi ben ese compromiso. El traballou e chamou a moitas portas para conseguir recuperar esta escola. Hoxe, ao abrila de novo para a veciñanza, pareceunos que non podía haber un lugar mellor para que quedase para sempre o seu nome”, sinalou a alcaldesa.
Fernández Pena destacou tamén que a recuperación do inmoble “é un exemplo do que se consegue cando veciñanza e administracións traballamos na mesma dirección. Hoxe devolvemos a Cortegada un edificio que forma parte da súa historia, pero facémolo mirando ao futuro e dándolle novos usos e novas oportunidades”.
Unha nova vida para a antiga escola
A inauguración celebrada onte pola tarde culmina o proceso de recuperación dun edificio cunha fonda vinculación coa historia da parroquia e que agora inicia unha nova etapa como equipamento formativo, tecnolóxico e comunitario.
O Concello de Silleda acometera xa no ano 2023 unha primeira fase, financiada con fondos municipais, para garantir a conservación do inmoble, con actuacións na cuberta e nas carpintarías exteriores.
A segunda fase permitiu completar a rehabilitación e acondicionamento interior para adaptar o edificio aos seus novos usos. As obras foron executadas pola empresa Calicanto Obras y Proyectos S.L., cun importe de adxudicación de 55.044,32 euros, IVE incluído. A actuación contou cun 90 % de financiamento a través do programa LEADER,
tramitado polo GDR Terras de Pontevedra Norte, con fondos europeos FEADER no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, completándose o investimento con fondos municipais.
PUBLICIDADE
O novo centro dispón de dous espazos principais. Por unha banda, conta cunha aula destinada especialmente á formación en novas tecnoloxías, onde se desenvolverán cursos, obradoiros e iniciativas orientadas, entre outros obxectivos, a mellorar as competencias dixitais da veciñanza e contribuír a reducir a fenda dixital no rural.
Por outra, habilitouse unha sala polivalente con formato de pequeno auditorio, concibida para acoller charlas, presentacións, encontros e actividades culturais, sociais e comunitarias.
Unha inauguración coa veciñanza como protagonista
O acto inaugural arrancou ás 19:00 horas coa actuación do grupo de pandeireteiras As Ferreñas de Cortegada e coa intervención da concelleira de Cultura, Mónica González, que explicou o proceso de recuperación da antiga escola, a configuración dos novos espazos e os usos previstos para as instalacións.
A continuación tomou a palabra Ramiro Ruibal, xerente do GDR Terras de Pontevedra Norte, que explicou a importancia dos fondos europeos e do programa LEADER na recuperación de espazos e na creación de novos servizos no rural.
Na súa primeira intervención, a alcaldesa destacou a colaboración entre a veciñanza, AVECUCO, o Concello e o GDR para facer realidade o proxecto, así como o traballo realizado pola arquitecta Marlene Pérez na recuperación do edificio.
PUBLICIDADE
Tras o descubrimento dunha primeira placa conmemorativa da rehabilitación e unha nova actuación musical, chegou a sorpresa da tarde coa homenaxe a Carlos Fondevila Lópeze o descubrimento da placa que dá nome ao centro. A presidenta de AVECUCO, Belén Calvo, tomou tamén a palabra antes do peche do acto por parte da alcaldesa, que deu oficialmente por inaugurado o Centro TIC Carlos Fondevila López.
As dúas portas do edificio abríronse finalmente de maneira simultánea para dar paso á veciñanza, que puido coñecer as novas instalacións. A xornada rematou cunha visita ao centro, música e uns petiscos, celebrando así o inicio dunha nova etapa para a antiga escola de Cortegada.










Comentarios